Concello de Sanxenxo - A PRAZA DO MAR ACOLLERÁ O VINDEIRO SÁBADO UNHA NOITE DE VERBENAS DOS ANOS 60,70 E 80
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O espectáculo "Cen anos de verbena galega" durará 180 minutos, dividirase en tres bloques e a entrada será gratuíta
 
Sanxenxo vivirá o vindeiro sábado unha noite musical na que se rememorarán as verbenas dos anos 60,70 e 80.  A Praza do Mar é o escenario elixido para realizar tres dos seis programas previstos no espectáculo "Cen anos de verbena galega" protagonizados pola orquestra A Ocaband e 12 coñecidos músicos galegos. 
 
A concelleira de Cultura, Paz Lago, presentou esta mañá xunto ao director e creador dos programas, Carlos Alleres, e o director artístico e músico da Ocaband a proposta musical na terraza do Hotel Talasso Sanxenxo. "Sanxenxo non podía deixar de participar nunha homenaxe aos cen anos da verbena galega. A nosa tradición e a nosa cultura popular vai ligada ás festas patronais e á música dos pasarrúas, das bandas de música e, por suposto, das verbenas. O día non é casualidade, coincide coa festividade de San Antonio, e servirá para dar o pistoletazo de saída as festas patronais do verán", explicou.
 
Lago sinalou que a proposta busca ser "unha inxección de optimismo e nostalxia" a través de tres verbenas de diferentes épocas nun espectáculo de 180 minutos de duración. "A entrada será de balde e realizarase baixo un estrito protocolo anticovid con control de aforamento, previa inscrición e cadeiras numeradas", explicou. 
 
O recinto contará con 500 cadeiras e a localización dos asistentes realizarase por rigorosa orde de inscrición. A cita dará comezo ás 21 horas e concluirá á 1 da madrugada. As persoas que estean interesadas en asistir a un, dous ou tres programas deberán retirar a entrada no Pazo de Emilia Pardo Bazán ou nas bibliotecas municipais onde deixarán o seu nome, apelidos, teléfono e DNI. Unha vez que dispoñan da entrada, deberán convalidar esas entradas por asentos numerados a través dun whatsapp no teléfono 682 084 555. Para calquera dúbida que poida xurdir poden chamar ao teléfono 986 727 936.
 
 
 
O tres pases de verbena converteranse en tres programas diferentes que emitirá a TVG en horario de máxima audiencia. 
 
O músico vilalongués, Dani Dopazo, que se encargará de coordinar o espectáculo en Sanxenxo coa orquestra A Ocaband cualificou o evento como un documusical con historia da verbena galega e convidados moi importantes dentro da esfera musical como Sito Sedes, J. Santana ou María Costas. "Eleximos un repertorio que define moi ben vos anos 60,70 e 80. Era necesario facer algo para que a xente saiba e coñeza porque a verbena ten tanto arraigamento en Galicia e as orquestras galegas teñen unha fama tan reputada no territorio nacional", indicou. "Trátase de entrar no corazón do público?, concluíu.
 
0
0
0
s2sdefault