Concello de Sanxenxo - SANXENXO E PORTONOVO CONVERTERANSE DESDE MAÑÁ NO EPICENTRO DE OPERACIÓNS DO III RALLY DE PONTEVEDRA 2021
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A proba arrincará da Praza do Mar, a partir das 19 horas, con 153 vehículos cara ao parque empresarial de Nantes
 
 
Sanxenxo e Portonovo converteranse desde mañá no epicentro de operacións do "III Rally de Pontevedra 2021. Memorial Miguel Álvarez" cun total de 153 vehículos inscritos e máis dunha decena de vehículos R5/Rally2 na liña de saída. Desde primeira hora da mañá, comezarán a chegar a Sanxenxo os equipos para realizar as verificacións técnicas e administrativas na Praza dos Barcos e no Real Club Náutico de Sanxenxo. A contorna do campo de fútbol e piscina de Baltar converterase no parque de traballo e reparacións. Será aí onde se instalen camións con auténticos talleres no interior e onde acudan os vehículos participantes cando acaben as probas.
 
As persoas que acudan a ver a proba poderán gozar da exposición de coches a partir das 17 horas na Praza do Mar. A cerimonia de saída será ás 19 horas desde a Praza do Mar de forma graduada, pero antes de iniciar a proba gardarase un minuto de silencio polo piloto falecido a pasada fin de semana, Víctor Magariños, durante o recoñecemento dun tramo da proba. Desde este punto desprazaranse ata o parque empresarial onde está previsto o primeiro tramo espectáculo cronometrado de 4 quilómetros.
 
A partir das 7:30 horas do sábado empezarán a saír os coches, minuto a minuto, desde Baltar cara aos tramos de Meaño, Pontecaldelas, Cerdedo-Cotobade e Barrosa. Estes percorridos repetiranse ao longo do día. A partir das 23 horas procederase á entrega de premios na Praza do Mar. O domingo comezarase co desmonte e saída de vehículos.
 
Operativo de tráfico
 
A proba levará un amplo dispositivo de control de tráfico no que estarán coordinados axentes da Garda Civil e da Policía Local xa que está previsto o desprazamento, só de inscritos e de organización, de máis de 200 vehículos. O control realizarase por terra e aire durante as dúas xornadas de que dura a proba. A organización Corredoira Team Sanxenxo prevé ademais o desprazamento de case 20.000 afeccionados do motor durante o fin de semana a Sanxenxo.
 
Para garantir o acceso con seguridade á piscina municipal ou o ximnasio establecerase un itinerario alternativo valado. A entrada ao skatepark tamén se modificará, xa que a contorna de Baltar estará totalmente pechada ao tráfico até o domingo. Desde primeira hora do sábado, cortarase ao tráfico rodado o tramo da Barrosa por onde transcorrerá un dos tramos da proba.
 
Plano rallye web
 
0
0
0
s2sdefault