Concello de Sanxenxo - XOGADORES DE DOCE NACIONALIDADES DIFERENTES PARTICIPARÁN NO XII ABERTO INTERNACIONAL DE XADREZ CARLOS I-CONCELLO DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
A cita deportiva que conta con 150 inscritos arrinca este sábado e prolongarase ata o 4 de xullo cun estrito protocolo anticovid
 
Sanxenxo acollerá a partir desta fin de semana o XII Aberto Internacional de Xadrez Carlos I-Concello de Sanxenxo. Unha cita que chega á súa duodécima edición, plenamente consolidada no calendario de eventos deportivos do municipio, cun total de 150 inscritos de doce nacionalidades diferentes e unha vintena de xogadores en lista de espera.
 
O torneo presentouse esta mañá no hotel Carlos I de Silgar onde se desenvolverá a proba a partir deste sábado e ata o próximo 4 de xullo baixo un estrito protocolo anticovid. O director do hotel, Leonardo López, mostrouse "encantado de poder colaborar cun evento diferente que supón unha volta á normalidade con máis forza e 100% seguro".
 
As partidas desenvolveranse pola tarde en dous amplos salóns do hotel e, por primeira vez, debido á situación sanitaria, non se permitirá público e a participación está limitada. En cada espazo, con dispositivos para a renovación de aire, haberá un punto de control para a toma da temperatura e xel hidroalcohólico. O uso da máscara será obrigatorio a pesar de que se garantirá a distancia de seguridade. 
 
O concelleiro de Deportes, Daniel Arosa, agradeceu "a implicación" do Hotel Carlos I e de Viaxes InterRías na cita deportiva. "Unha alternativa diferente que combina o deporte co sector turístico. Algo moi positivo", asegurou. Tamén destacou a calidade da cita coa presenza de 17 mestres titulados, entre eles un internacional, Julio Suárez, veciño de Bordóns e cunha destacada traxectoria no mundo do xadrez que volve á proba tras tres anos de ausencia polos seus estudos". "É un torneo fantástico dos mellores que se celebran en Galicia", asegurou Suárez, presente tamén na presentación do evento.
 
A directora do torneo, Amaia Iza, incidiu no alto interese mostrado polos participantes de distintos lugares do mundo como Bélxica, Croacia, Estonia, Alemaña, Cuba, Portugal, Estados Unidos ou Venezuela, entre outros. "O participante máis novo ten 7 anos e o maior 85. Isto demostra que é un deporte interxeneracional", explicou.
            
0
0
0
s2sdefault