Concello de Sanxenxo - ACTO BANDEIRAS AZUIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O presidente da ADEAC, José Palacios, asegurou que o municipio é o "modelo a seguir" en seguridade, sustentabilidade e limpeza
Sanxenxo izou hoxe as súas bandeiras azuis de forma simultánea ás 13 horas nas 17 praias con este distintivo. O acto central levouse a cabo na praia de Silgar, o primeiro areal en contar con este distintivo. O alcalde, Telmo Martín, que a definiu como "a praia urbana máis bonita do mundo" estivo acompañado pola conselleira de Medio Ambiente, Angeles Vázquez; o presidente da Adeac, Jose Palacios; o delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López, e o presidente do CETS, Alfonso Martínez. "Estas 17 bandeiras azuis supoñen un importante esforzo de investimento, pero non sería posible sen ou empeño e a responsabilidade das 138 persoas que traballan a diario nas praias", dixo o alcalde. 
 
O presidente da Adeac, Jose Palacios, felicitou a Sanxenxo, que un ano máis é o municipio de España que consegue un maior número de Bandeiras Azuis, 17 para praias e 3 para portos deportivos. "Moitos afirman que é moi difícil conseguir a Bandeira Azul, pero o municipio de Sanxenxo demostra, ano tras ano, que é posible e que o segredo está en traballar a favor da calidade, a sustentabilidade e da seguridade dos cidadáns, turistas e a contorna", asegurou. Proba diso, destacou Palacios que os areais con bandeiras azuis reciben cada verán máis de 40.000 bañistas e que as cifras das accións de salvamento e socorrismo atópanse moi por baixo da media nacional. 
"Con tantas persoas nas praias e tan só 31 rescates sinxelos e 0 complicados está a demostrarse de forma contundente o traballo de prevención que realizan os guardavidas-socorristas", dixo.
 
Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Angeles Vázquez, destacou a aposta por Sanxenxo polo medio ambiente. "A calidade da auga nas 17 praias com bandeira azul de Sanxenxo é excelente, pero tamén nos seus tres portos. Unha aposta polo coidado do medio ambiente que se pode apreciar nos sendeiros azuis", explicou. Vázquez aplaudiu a saída das duchas das praias porque "hai que aforrar auga que é un ben moi prezado", pero tamén das papeleiras dos areais.
0
0
0
s2sdefault