Concello de Sanxenxo - A VOLTA CICLISTA ATRAVESARÁ, POR PRIMEIRA VEZ, POLO CORAZÓN DA VILA DE PORTONOVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
A presentación da cita terá lugar o vindeiro sábado e incluirá unha marcha ciclista que simulará o percorrido da proba oficial.
 
"La Vuelta" Ciclista a España discorrerá, por primeira vez, polo corazón da vila de Portonovo e de Sanxenxo. A saída neutralizada da caravana multicolor partirá desde a Praza dos Barcos, percorrendo Augusto González Besada, o Paseo de Silgar, Baltar, Rafael Picó, Avenida de Pontevedra, Rúa Ourense, Rúa A Perla e retornar pola Estrada da Lanzada, Baltar, a estrada da circunvalación, Rúa Progreso, Avenida de León e a PO-308. A etapa concluirá no municipio de Mos. 
 
O goberno está moi satisfeito coa "boa disposición" da organización de "La Vuelta a España" para incluír a ambas vilas no trazado do percorrido que suporá un importante impacto económico e publicitario para Sanxenxo. Na Volta participan 23 equipos de ciclismo, que arrastran case 4.000 persoas, 2.500 entre organización e as marcas que hai detrás de cada equipo, máis os 1.200 xornalistas acreditados de máis dunha cincuentena de países. 
 
Calcúlase que o impacto económico dunha etapa de saída, entre pernoctacións, restauración, hostalaría, comercio e combustible, deixa entre 500.000 e 700.000 euros na cidade. A maiores hai que ter en conta o impacto publicitario e mediático que supón, o sinal de televisión que chega a 190 países e a audiencia en España da retrasmisión da etapa un sábado que é de 2 millóns de espectadores.
 
O vindeiro sábado presentarase a cita na Praza dos Barcos co xornalista Terio Carrera como condutor do acto no que participarán o alcalde, Telmo Martín; o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda e o director da Volta, Javier Guillén. Tras a presentación, celebrarase unha marcha ciclista aberta ao público xeral, maior de 8 anos, previa inscrición nun dos puntos que se habilitará durante esa xornada na Praza dos Barcos. O Concello de Sanxenxo repartirá ata mil camisetas conmemorativas e 500 aplaudidores entre os participantes e asistentes á cita. O percorrido simulará a proba que terá lugar o próximo 4 de setembro, con algunhas variacións, o que obrigará a realizar cortes de tráfico puntuais para garantir a seguridade da proba. No operativo participarán ata unha vintena de voluntarios do club ciclista local Corbelo e do programa municipal +Xuventude.
0
0
0
s2sdefault