Concello de Sanxenxo - MÚSICA, CINE, ARTE E TRADICIÓN CENTRAN A PROGRAMACIÓN DESTE VERÁN EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
Os colectivos do municipio, a pesar dun ano complicado, seguen implicándose para ampliar o abanico de oferta lúdica e cultural
 
Desde a música ata o cine pasando pola danza, a maxia, o teatro ou a pintura serán os protagonistas da programación que a Concellería de Cultura ten previsto para este verán. Un ano máis, o departamento que dirixe Paz Lago conta coa implicación dos colectivos do municipio que cunha engrenaxe perfecta e coordinada permite ampliar o abanico de oferta lúdica e cultural nos distintos puntos do municipio. 
 
As Xornadas Culturais de Abiñadoira encargaranse de abrir o programa o vindeiro xoves, 8 de xullo, co grupo de teatro Suavila e a obra "Amoriños en Concal". Será ás 21:30 horas no Auditorio Emilia Pardo Bazán. A actividade trasladarase o sábado 10 de xullo á Praza Pascual Veiga cun Obradoiro Didáctico de Axóuxeres impartido por Ignacio González a partir das 12 horas. Ás 18 horas, no Paseo do Barcos, realizarase a V Xuntanza de Labores na Rúa. 
 
O Festival Internacional de Narración Oral levará o vindeiro venres, ás 21 horas, "Ramona órbita, a dona do tempo" á Casa Mariñeira de Portonovo. A entrada é gratuíta. O cine volverá ás parroquias do municipio co xa clásico "Cinema na rúa" ás 22:30 horas. A estrea realizarase na Praza de Vilalonga con "Cuñados" e continuará por Dorrón, Nantes, Bordóns ou Noalla con distintos títulos e sesións.
 
Unha exposición sobre "Os nosos océanos" instalarase entre o 20 e ata o 13 de agosto na Praza dos Barcos en colaboración coa Afundación, Obra Social Abanca. Na mesma localización, pero o 22 de xullo, celebrarase un concerto de baladas e boleros a cargo de Antonio Barros e iAlma. Será ás 22 horas.
 
O 25 de xullo, o grupo Camiñantes e Cantantes actuará dentro do ciclo de "Concerto de son tradición" na Praza dos Barcos ás 22 horas. A actividade enmárcase dentro do programa Musigal 2021 da Deputación de Pontevedra. O 29 de xullo, darase paso á música pop co concerto "A Movida" ás 22 horas na Praza dos Barcos.
No Auditorio de Emilia Pardo Bazán terán lugar as audicións de música clásica comentadas os próximos 6 e 20 de agosto ás 20 horas. Unha cita organizada polo Círculo Cultural e Deportivo de Sanxenxo.
 
Arra celebrará o seu VI Certame de Pintura Rápida organizada pola Asociación San Cayetano de Arra e o Concello de Sanxenxo o próximo 8 de agosto. 
 
O 13 de agosto, o parque de O Espiñeiro acollerá o concerto da Coral Polifónica Santa María de Adina de Portonovo ás 21 horas.
 
O musical "Camiño das Estrelas" centrará a programación do 19 de agosto, a partir das 22 horas, na Praza dos Barcos.
 
A Casa Mariñeira de Portonovo acollerá o 20 de agosto un concerto de Velaivan'd, ás 22 horas, na Casa Mariñeira de Don Fernando.
 
O 22 de agosto é o día escollido para a proposta "Propulsa", unha mestura de danza, paisaxe e patrimonio con Nasena de Elvi Balboa; Saty de Can Cun Quinqué; Occo de Colectivo D'Elas e Pols de Pepa cases Dansa Teatre.
 
As xornadas de Sanxenxo na Historia volverán achegar a historia, cultura e tradición popular de Sanxenxo ao público do 25 ao 27 de agosto coa Asociación de Estudos Locais de Sanxenxo a partir das 18 horas.
 
A Sala Nauta acollerá un ano máis exposicións de pintura, de fotografía e de novos valores desde xullo a setembro. 
 
0
0
0
s2sdefault