O goberno reservou unha partida de 100.000 euros para iniciar os traballos previos este mesmo ano
Unha praza máis humanizada e dinámica ese é o obxectivo que o goberno persegue coa execución da remodelación da Praza do Pazo, situada en pleno centro do municipio. O proxecto valorado en máis de 500.000 euros expón a creación de dúas plataformas horizontais de zonas verdes e outras dúas, en pavimento de pedra que se unirán con percorridos accesibles para potenciar a interacción social e a actividade comercial da praza.
O obxectivo é sacar a obra a licitación este mesmo ano e iniciar os traballos previos cunha partida de 100.000 euros xa reservada e que sería suficiente para o arranque das obras.
A actuación centrarase nos 2.371 metros cadrados da praza, mellorando tamén a conexión entre a Rúa dos Mariñeiros e Rúa Cesteiros, convertendo o espazo nunha zona polivalente con capacidade para 1.350 persoas. A vexetación cobra no proxecto especial relevancia como control solar e térmico polo que está prevista a plantación de árbores de folla caduca e a colocación de 10 chorros de auga a modo de fonte.
A plataforma horizontal maior destinarase principalmente a actividades e espectáculos ao aire libre. A escaleira de acceso principal desde a Rúa Madrid incluirá 3 zonas máis elevadas, a modo de bancadas, que xerarán bancos corridos con acabado en madeira.
En canto ao mobiliario da praza contémplase a instalación de 15 luminarias de modelos diferentes que mellorará unha importante deficiencia actual, segundo as necesidades do espazo, e 6 bancos.