A actuación súmase á recente humanización da contorna da capela de O Santo ou á recuperación do Pazo de Quintáns en Noalla
A rehabilitación da igrexa Santa Eulalia de Nantes é unha clara mostra do gran valor patrimonial de Sanxenxo. Un tesouro arquitectónico de 1964, proxectado polo arquitecto Alejandro da Sota, que foi obxecto dunha profunda e necesaria recuperación por parte da Consellería de Cultura cun investimento de 185.953 euros.
Esta igrexa é considerada un expoñente reconocible da obra do prestixioso arquitecto cunhas calidades espaciais singulares e foi edificada sobre os restos dun pequeno templo románico. O edificio debido ao paso do tempo e un forte temporal tiña importantes problemas de humidade.
A obra para a súa posta en valor e recuperación, respectando sempre o deseño orixinal, centrouse na substitución total da cuberta. Substituíronse os falsos teitos interiores cunha nova iluminación que permitiu unha mellor distribución lumínica. A instalación dunhas celosías interiores de madeira e rectangulares entre a nave principal e a capela actúan como tamiz entre o altar e a nave permitindo, á súa vez, o paso de luz.
Outra parte importante da actuación centrouse na rehabilitación do campanario a través de forxados para a súa impermeabilización, así como a instalación de celosías metálicas nas aperturas dos dous niveis do campanario.
Esta rehabilitación vai acompañada da mellora no viario de acceso, grazas ao plan de conservación de firmes de estradas levado a cabo pola Deputación de Pontevedra e inclúe a EP-9205 Sanxenxo-Meaño, viario que atravesa a contorna.
A rehabilitación da igrexa Santa Eulalia de Nantes súmase á recente humanización da contorna da capela de O Santo na mesma parroquia e a recuperación do Pazo de Quintáns en Noalla. Unha boa mostra da posta en valor do patrimonio arquitectónico de Sanxenxo.