A cita repartiu máis de 3.500 tapas e un total de 49 premios entre os participantes
A gastronomía local volveu mostrar o seu músculo no XI Sanxenxo Degusta Tapas con máis 3.500 tapas servidas e 49 premios repartidos entre os seus clientes en apenas 17 días que durou a cita e a pesar da situación sanitaria. Un éxito que demostra o carácter e a garra da hostalaría do municipio na que participaron cunhas propostas de gran calidade e estética.
O restaurante portonovés Xerfa alzouse cos primeiros premios tanto na modalidade creativa como a tradicional coas súas tapas Salitre e Paparota de Raia. O local serviu máis de 800 degustacións de ambas propostas. O segundo posto para a tapa creativa foi para a Taberna A Batea con "Xarda con gusto non pica" e o terceiro, para Jaco´s Bar con "Burguer explosión chinesa". Na variedade tradicional, o segundo premio foi para El Puerto con "Fajita de cocido galego con espuma de pataca" e o terceiro para Restaurante Fidel con "Ovos rotos mariñeiros". Os establecementos gañadores recibirán un diploma que os acreditará como os mellores desta edición de Sanxenxo Degusta Tapas.
Non faltaron os premios para os consumidores das tapas dos 21 locais participantes entre os que se repartiron 49 premios entre tickets e actividades de lecer e tempo libre; visitas guiadas a adegas con catas e obsequios; 10 viaxes en barco a Ons para dúas persoas; estancias de dúas noites nun hotel e spa; viaxes en barco pola Ría para dúas persoas e comidas ou ceas para dúas persoas.