Concello de Sanxenxo - RECALA NO PORTO DEPORTIVO DE SANXENXO UN VELEIRO LENDARIO QUE PARTICIPARÁ NUNHA REGATA TRANSATLÁNTICA EN SOLITARIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
O seu patrón é Diego Hervella, fillo de pai galego e nai venezolana, cuxo obxectivo é cumprir un soño: Gañar a Mini Transat 6,5 en 2023
 
O Karen Liquid é un veleiro de 6,5 metros de eslora, unha embarcación de lenda e única deseñada por Magnen, que este mércores recalou no porto deportivo Juan Carlos I xunto ao seu patrón, Diego Hervella, procedente do porto deportivo de Kernevel en Lorient (Francia) e tras facer unha escala en Sada, lugar de orixe da súa familia paterna. O veleiro é de fibra de carbono, só pesa 900 quilos e ten unha quilla telescópica.
 
A travesía deste veleiro seguirá nas próximas horas con destino a Vigo para logo regresar ao seu porto base francés no que continuar coa posta a punto do veleiro para participar na Mini Transat en 2023, unha travesía polo Atlántico en solitario sen motor nin ningún tipo de dispositivo mecánico, só un GPS e unha radio VHF cun radio de 50 quilómetros. Os navegantes, só un por embarcación, non poden ter ningún contacto con terra nin solicitar asistencia. "É un reto físico, emocional e técnico, pero este barco xa o logrou dúas veces e pode conseguilo outra vez. Se é así serei o primeiro galego en conseguir gañar esta travesía", explica.
 
A travesía atlántica realízase en dúas etapas. A primeira desde o porto Lles Sabres D'Olonne pasando polo golfo de Biscaia, Finisterre, a costa portuguesa e ata Canarias. A segunda seguindo os ventos alíseos ata Guadalupe no Caribe. Esta viaxe proxectouna como unha proba ou adestramento do que será a travesía en solitario. "Quero dar a coñecer o meu proxecto e conseguir patrocinadores que me permitan levar a cabo a segunda parte deste soño. Fixen o investimento da compra do barco e agora necesito o apoio para o mantemento e a posta a punto", explica.
 
Diego Hervella criouse entre barcos e moi preto do mar. "Pasábame horas mergullando e como o meu pai tiña un estaleiro tamén entre barcos. O mar é o meu medio natural", explica. O seu co Karen Liquid foi un "amor a primeira vista" en 1998, pero non foi ata o pasado marzo cando puido facerse con el. "Quero dedicar estes dous anos a adestrarme e a buscar patrocinadores que me permitan cumprir este reto coa cultura celta como máximo expoñente", explica. Ata agora conta co apoio de firmas como Julio Verne Náutico, ICSEM, Nautical Reporter, Prolarge, Ethique et Etact, Ljdn e Atelier deas Solutions.
0
0
0
s2sdefault