Concello de Sanxenxo - O PORTO DEPORTIVO JUAN CARLOS I INCREMENTA A SÚA FACTURACIÓN EN XULLO UN 8% RESPECTO DE 2019
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
Un total de 139 embarcacións recalaron durante o pasado mes nos pantaláns da rada e agosto xa está completo
 
O porto deportivo Juan Carlos I logrou durante o pasado mes de xullo incrementar os seus ingresos respecto ao mesmo mes de 2019, é dicir, verán anterior á pandemia e marca en actividade turística. O aumento de facturación foi do 8%, alcanzando os 306.188 euros, e prevese que as cifras melloren aínda máis en agosto no que xa non hai un só amarre dispoñible para todo o mes.
 
O porto deportivo de Sanxenxo conta cunha superficie concesional de 123.222 metros cadrados. As súas instalacións comprenden unha lámina de auga de 90.000 metros cadrados, 450 puntos de amarre e máis de 25.000 metros cadrados de espazo peonil. Aos amarres de aluguer estival e anuais fixos súmanse as concesións e os amarres variables para o tránsito de embarcacións. 
 
Durante o pasado mes de xullo, recalaron en Sanxenxo 139 embarcacións, 112 a vela e 27 a motor. A maioría destes barcos cunha eslora de até 12 metros (56) e de até 15 metros (45). En canto á bandeira, 82 procedían de España, 16 dos Países Baixos e 12 tiñan bandeira francesa, tamén recalaron embarcacións de Portugal, Bélxica, Suíza, Gran Bretaña ou Polonia. En xullo confirmouse unha recuperación paulatina do tránsito internacional que durante o pasado ano sufriu un importante descenso dentro das 126 embarcacións que elixiron o porto deportivo Juan Carlos I para a súa estancia temporal.
 
Nauta, a empresa municipal que xestiona o porto deportivo, recibe a diario numerosas peticións para o aluguer de amarres para todo o ano, especialmente de barcos de eslora de máis de 18 metros. A súa localización estratéxica na ría, así como servizos como a subministración de gasoil e gasolina, a recollida de lixo, de aceites usados e de augas residuais, conexión wifi, o mantemento de embarcacións, tomas de auga e electricidade individuais, un travel-lift 70, parte meteorolóxico, aseos e duchas, vixilancia 24h e servizo de lavandaría fan que creza o interese como porto base.
0
0
0
s2sdefault