O perfil do usuario son familias con membros que non están en idade de vacinación e que precisan un test negativo para acceder ao interior da hostalaría
O punto de test Covid instalado no porto deportivo de Sanxenxo realizou nos 11 días que leva operativo 700 probas de antíxenos nos que se detectaron 12 positivos, o que supón tan só 1,7 % de positividad. O servizo posto en marcha polo Concello de Sanxenxo en colaboración con E-Saúde na Sala Nauta está orientado a facilitar un acceso seguro ao interior da hostalaría. O punto test manterase durante todo o mes de agosto de luns a domingo en horario de 12 a 16 horas e de 19 a 23 horas.
As mostras do test de antíxenos son recollidas por un equipo de enfermeiros e o seu resultado é case inmediato. O custo da proba é de 10 euros. Cando é negativo, emítese un certificado que se pode presentar no local de restauración se se quere acceder ao interior e que ten unha validez de 48 horas, requisito indispensable na actualidade se non se dispón da pauta completa de vacinación ou do xustificante médico de ter pasado a enfermidade nos últimos seis meses.
O perfil de usuario deste servizo son familias con membros que non están en idade de vacinación e que queren acceder aos interiores dos locais de hostalaría. A maioría son visitantes do territorio nacional, pero tamén internacional como Portugal, Suíza ou Países Baixos.
Sanxenxo baixará este sábado a nivel alto de restricións, pero as medidas de acceso ao interior dos locais seguirán sendo as mesmas que ata agora, aínda que o aforo pasará do 30 ao 50%. O lecer nocturno só se permitirá en terrazas, ata o 50% e ata a unha da madrugada.