A cita, que terá lugar o 26, 27 e 28 de agosto, distinguirá a implicación do secretario xeral de Política lingüística, Valentín García Gómez, coa cultura e a lingua galega
As "Xornadas de Sanxenxo na Historia" regresan coa súa duodécima edición ao calendario de actividades estivais para profundar na riqueza patrimonial e natural do municipio, así como na figura da escritora Emilia Pardo Bazán, coincidindo este ano co centenario da súa morte. O alcalde, Telmo Martín, xunto ao presidente da Asociación de Estudos Locais de Sanxenxo (Aelos), Marcelino Agís, e a secretaria do colectivo, Ángeles Marcos, presentaron esta mañá a cita que terá lugar o 26, 27 e 28 de agosto no Real Club Náutico de Sanxenxo acompañados da concelleira de Cultura, Paz Lago, e membros de Aelos.
As tres xornadas terán lugar no Pazo de Emilia Pardo Bazán e a súa hora de inicio serán as 20 horas. Na xornada inaugural abordarase nunha mesa redonda "O Sanxenxo Prehistórico: O Chan da Gorita" moderada por Ángeles Marcos e cos relatores Carlos Pascual Vázquez con"Historia descuberta e catalogación das mámoas" e Antonio da Pena Santos con "Dolmens e enterramentos prehistóricos no Chan da Gorita". Tras a exposición realizarase un coloquio.
Na segunda xornada, o día 27, a mesa redonda baixo o título "Faise camiño ao andar: Roteiros de Sanxenxo", moderada por Carmen Outón, contará con Diana Fernández Soutullo da asociación Andarela que exporá "Roteiros Naturais de Sanxenxo" e Rafael Fontoira Surís con "Roteiro polas capelas sanxenxinas". Posteriormente, abrirase un coloquio.
As xornadas concluirán o día 28 coa mesa, "Sanxenxo no século XIX: Homenaxe a Emilia Pardo Bazán", que estará moderada por Marcelino Agís, e contará con Celestino Viéitez que abordará "Sanxenxo e Pontevedra durante a Guerra da Independencia" e Isidoro Sabell con "Persoeiros da Política Nacional en Sanxenxo". O broche de ouro será a entrega do galardón "Sanxenxo na Historia" que recaerá no secretario xeral de Política Lingüística. O xurado, así o expuxo esta mañá o alcalde durante a lectura da acta, quere premiar a súa dedicación e implicación coa cultura e lingua galega, así como o seu apoio nas actividades desenvolvidas nos distintos ámbitos culturais do municipio.
O alcalde destacou a importancia dunhas xornadas que 2cada ano teñen máis repercusión e que son claves no coñecemento da nosa identidade como pobo e da nosa cultura". Así, lembrou os importantes avances recentemente descubertos cun xeorradar no xacemento da Lanzada "onde se atopa a orixe do municipio e que nos indican que hai enterrado dez veces máis do xa descuberto. Temos aí unha verdadeira xoia arqueolóxica".
Finalmente, o presidente de Aelos, Marcelino Agís, presentou o volume sexto das xornadas celebradas en 2018, 2019 e 2020 como forma de "divulgación" da cultura local con 17 investigadores e escritores. Tamén anunciou a próxima reedición da primeira edición do primeiro libro das xornadas de 2011 cuxo prólogo estará escrito polo alcalde, Telmo Martín, e contará cunha nova introdución de Aelos.