Concello de Sanxenxo - SANXENXO CELEBRARÁ AS SÚAS FESTAS PATRONAIS CON 12 DÍAS CONSECUTIVOS DE MÚSICA, HUMOR, MAXIA E TRADICIÓN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A festividade de Santa Rosalía recupera o espectáculo pirotécnico na praia de Silgar 
 
Con 12 días consecutivos de música, humor, maxia e tradición, así vivirá Sanxenxo as súas festas patronais en honra a San Xenxo e Santa Rosalía. A Concellería de Cultura, dirixida por Paz Lago, propón unha programación pensada para tódolos públicos, na que se recupera o espectáculo pirotécnico de Santa Rosalía. "É un programa con actuacións e espectáculos de moita calidade e no que cobran protagonismo as agrupacións locais, sen esquecer citas xa consolidadas no calendario festivo como a Feira da Cebola e Sanxenxo na Historia", indica Paz Lago. 
 
A programación festiva arrincará o próximo 24 de agosto co espectáculo musical Mitic Family, a partir das 22 horas, na Praza do Mar. Unha actividade que precederá a celebración de San Xenxo e o Día do Turista, o 25, na que se iniciará a xornada con alboradas a cargo de Abiñadoira e a Banda de Música de Sanxenxo. Ás 19 horas, está prevista a misa en honra a San Xenxo cantada polo coro parroquial San Xinés no Novo Templo. Ás 20 horas, Abiñadoira encargarase da animación musical nas rúas.  Pola noite, a Praza do Mar será o escenario do espectáculo "Camiñantes e cantantes", un espectáculo da A Oca Band que contará con 5 artistas invitados: Manuel Manquiña, Pepo Suevos, Eva Igrexas, Pili Pampín e Lucía Pérez. Trátase dun espectáculo totalmente en galego con música popular dos últimos 60 anos, de distintos estilos e inspirada nas distintas rutas do Camiño de Santiago. Por segundo ano consecutivo e debido á situación sanitaria, non se celebrará a tradicional sardiñada popular no recinto portuario.
 
O xoves, 26 de agosto a Praza dos Barcos acollerá o concerto da Banda de Música de Lalín, O país das bandas, a partir das 22 horas. Tamén nesta xornada inauguraranse as XII Xornadas de Sanxenxo na Historia que terá lugar no Pazo Emilia Pardo Bazán a partir das 20 horas e prolongaranse durante os días 27 e 28. Xurxo Fernandes ofrecerá un concerto o próximo día 29, "Levaino!", na Praza dos Barcos a partir das 22 horas
 
A maxia regresa, o día 31, á Praza dos Barcos con Pedro Volta a partir das 21 horas. 
 
Con motivo de Santa Rosalía, Cultura retoma este ano os Concertos da Cebola, o 1 e 2 de setembro con La Reina del Vudú e os Wavy Gravies. Ambos terán lugar na Praza dos Barcos a partir das 22 horas. O venres, 3 de setembro, entre as 12 horas e as 20 horas as rúas mergullaranse en música con charangas e alboradas.
 
O 4 de setembro, celébrase a festividade de Santa Rosalía e a 39 Feira da Cebola que este ano coincide coa saída da vixésima etapa de "La Vuelta" de España desde Sanxenxo. A feira manterase na contorna do recinto portuario e a súa apertura está prevista a partir das 9:30 horas. A música estará presente durante toda a xornada. Ás 21 horas, na Praza dos Barcos coa Banda de Música de Sanxenxo e ás 22 horas coa orquestra París de Noia Show na Praza do Mar. O broche á xornada será o espectáculo pirotécnico na praia de Silgar. 
 
O 5 de setembro, coincidindo coa festividade da Virxe da Carmen, a actividade comezará con alboradas de Os Gatiños de Portonovo e a Banda de Música de Sanxenxo. Ás 19 horas está prevista a misa en honra á Virxe do Carme cantada polo Coro Parroquial San Xinés de Padriñán no Novo Templo. Ás 21 horas, na Praza dos Barcos está previsto o concerto da Banda de Música da Estrada e ás 22 horas, na Praza do Mar, actuará a Orquestra Marbella.
 
 
0
0
0
s2sdefault