Javier Goyeneche é o creador da primeira empresa que comezou a fabricar roupa sustentable co plástico reciclado dos océanos
O fundador da firma de moda ecolóxica Ecoalf, Javier Goyeneche, achegará o vindeiro luns, ás 22 horas, na Praza dos Barcos, o seu traballo e o seu proxecto de sustentabilidade ambiental que posibilita fabricar roupa co plástico reciclado dos océanos. En 2015, Ecoalf a través da súa Fundación e co apoio de HAP Foundation, embarcouse no seu proxecto máis ambicioso: Upcycling the Oceans, unha aventura mundial que axuda a eliminar os refugallos mariños do fondo dos océanos grazas ao apoio dos pescadores.
Un proxecto revolucionario cuxo obxectivo principal é recuperar o lixo que está a destruír os océanos e transformalo en fío de primeira calidade para confeccionar pezas. Esta iniciativa pioneira ten un triplo obxectivo: eliminar dos nosos océanos os refugallos que danan os ecosistemas mariños; dar unha segunda vida aos residuos recuperados a través da economía circular e concienciar sobre o problema global que supón o lixo mariño.
O proxecto ten presenza en 40 portos españois e logrou involucrar a preto de 2600 pescadores (maioritariamente arrastreiros), que xuntos conseguiron extraer máis de 700 toneladas de lixo dos nosos mares.
Ademais da recuperación do lixo mariño, Upcycling the Oceans quere ofrecer información científica que permita aumentar o coñecemento do problema para establecer medidas preventivas. Grazas á participación voluntaria dunha parte da frota, realiza caracterizacións dos refugallos que se atopan no fondo mariño a través da plataforma Marnoba.
Durante a súa visita, Goyeneche prevé reunirse este luns con representantes do mar da zona para convidarlles a que participen no seu proxecto como xa o fan nestes momentos catro portos galegos.