Concello de Sanxenxo - AS ASOCIACIÓNS DE PLACEIROS E ENTRETENDAS EXPOÑEN OS SEUS PLANS DE DINAMIZACIÓN NA MESA LOCAL DE COMERCIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
Os representantes dos colectivos recibiron luz verde para presentar os seus proxectos que optan a axudas autonómicas
 
A Mesa Local de Comercio deu esta semana luz verde aos proxectos que as asociacións das prazas de abastos de Sanxenxo e Portonovo, así como Entretendas, presentarán ante a Xunta de Galicia para optar á liña de subvencións para a dinamización destas actividades dotadas cunha partida de 2,2 millóns de euros.
 
A mesa estivo copresidida polo concelleiro de Economía, Marcos Guisasola, e a edil de Facenda, Paula Martínez, e asistiron o presidente da Asociación de Profesionais da Praza de Abastos de Sanxenxo, Egidio Barral; a secretaria da Praza de Abastos de Portonovo, Dolores Alarcón, o presidente de Entretendas, Julio Presas, e a portavoz socialista, Ainhoa Fervenza
 
O mercado de abastos de Portonovo quere continuar co seu ambicioso proxecto de modernización das súas instalacións e o seu obxectivo de "sacar a praza á rúa". Tras a instalación da pantalla na fachada exterior que actúa como escaparate dos seus produtos, os placeiros queren seguir dotando de contido esta pantalla. Para iso, este ano contratarán showcookings con cociñeiros locais que farán receitas en directo cos produtos do mercado. O mantemento e actualización das redes sociais é outro dos focos de atención dos placeiros de Portonovo para "captar e achegarse ao público máis novo".
 
Pola súa banda, os placeiros de Sanxenxo centrarán os seus esforzos en nova maquinaria e equipamento de traballo, imprescindibles para a conservación dos produtos. Expoñen a compra de frigorífico semiindustrial, un tallo de madeira, así como bandexas de poliestileno, bobina de papel e luvas. Ademais, se aposta por un plan de fidelización con calendarios, vinilos e actualización das redes sociais.
 
En canto a Entretendas, o colectivo retomará o salón de oportunidades con 17 stands nas que se exporán produtos de distintos tipos tanto de confección, como deportiva, lencería, mueblería, bazar, zapatería, complementos e xoiaría.
0
0
0
s2sdefault