Concello de Sanxenxo - SANXENXO NA HISTORIA ABORDA NA SÚA XORNADA INAUGURAL A PREHISTORIA DO MUNICIPIO CO CHAN DA GORITA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
O salón de actos do Pazo Emilia Pardo Bazán acolle desde hoxe e até o sábado a cita a partir das 20 horas
 
As Xornadas de Sanxenxo na Historia chegan hoxe á súa duodécima edición cunha xornada inaugural marcada pola análise da prehistoria do municipio a través dos túmulos do Chan da Gorita en Bordóns. A concelleira de Cultura, Paz lago, encargouse de abrir as xornadas na que destacou a "importante" labor que realiza a Asociación de Estudos Locais de Sanxenxo na divulgación do patrimonio e historia do municipio que se visibiliza en cada edición da cita e en todas as publicacións realizadas, "froito dun impecable traballo".
 
Na mesa redonda, moderada pola secretaria de Aelos, Ángeles Marcos, Carlos Pascual Vázquez, membro do grupo García Alén, e Antonio da Pena Santos, arqueólogo do Museo de Pontevedra, expuxeron os traballos iniciais realizados no Chan da Gorita en 1979 e que permitiron parte da súa catalogación e protección. Baixo o título, "O Sanxenxo prehistórico: O chan da Gorita", Pascual Vázquez lembrou como a súa paixón pola arqueoloxía propiciou o seu descubrimento dos enterramentos a través dunha xornada de traballo como mariño mercante. "Foi durante unha travesía cando un tripulante de Sanxenxo púxome sobre a pista duns "petoutos" en Bordóns desde onde se daba misa. "Cando collín vacacións, o primeiro que fixen foi ir velos", explicou. Unha vez alí, sacou fotografías e púxose en contacto con arqueólogos do grupo Alfredo García Alén do que formaba parte. "Tras esa visita viñeron outras e puidéronse descubrir 4 mámoas, unha moi grande e outras máis pequenas e un dolmen ao aire. Conseguimos que se catalogasen e protexesen", indicou.
 
O arqueólogo do Museo de Pontevedra baixo o título "Dolmens e enterramentos prehistóricos non Chan da Gorita" destacou o "enorme interese" destas mámoas, "un auténtico cemiterio de entre 4.000 e 5.000 a.c.". Finalmente, lembrou a súa participación na catalogación e protección dos túmulos e a beleza paisaxística da contorna. Tras as exposicións, abriuse unha quenda de debate entre os asistentes ás xornadas. 
 
0
0
0
s2sdefault