O broche á xornada festiva porao a tirada de fogos de artificio desde a praia de Silgar
Dous grandes eventos, a XXXIX Feira da Cebola e "La Vuelta", centrarán a celebración de Santa Rosalía o vindeiro sábado 4 de setembro no porto deportivo de Sanxenxo. A concelleira de Cultura, Paz Lago, e o de edil de Deportes, Daniel Arosa, explicaron esta mañá o "desafío" de loxística e de seguridade sanitaria que supón concentrar os dous eventos na mesma xornada, pero tamén a oportunidade de recibir no municipio 23 equipos ciclistas co seu persoal de apoio e a 1.130 xornalistas de 341 medios de comunicación de ata 34 nacionalidades diferentes. A emisión da saída contará con 14.300 horas de difusión en televisión cunha estimación de audiencia de 2,2 millóns de telespectadores.
Lago explicou que "hai meses que Sanxenxo aceptou o reto de acoller no mesmo día, horario e lugar 2 eventos que van atraer moito público e que involucra a gran parte do goberno". Este ano e como xa viña facendo antes da pandemia, a Feira da Cebola empezará antes do propio día de Santa Rosalía con concertos o 1 e 2 de setembro. "Queremos que a Feira da Cebola medre e á exposición e venda dos produtos da nosa horta sómense novas actividades. Este ano actuarán o grupo internacional "Los Wavy Gravies" e "La Reina del Vudú" que ofrecerán unha pequena actuación ao final da presentación", sinalou.
A Feira manterase no punto habitual do porto de pescadores onde se situarán 51 postos de venda de cebolas e hortalizas, en horario de 9:30 a 15 horas. "As medidas de seguridade serán as mesmas do ano pasado. Haberá unha saída e unha entrada diferente e haberá persoal para controlar o aforamento", explicou Lago. Esta edición do mesmo xeito que a anterior non haberá premios da Feira da Cebola nin concurso.
O broche á xornada festiva porao a tirada de fogos de artificio desde a praia de Silgar a partir das doce da noite e a actuación da orquestra Paris de Noia na Praza do Mar.
Pola súa banda, Arosa sinalou que "estamos encantados de poder acoller a saída da penúltima etapa da Volta que finaliza en Mos e que vai a entreter aos afeccionados, porque o percorrido é un constante sobe e baixa, un rompe pernas, onde se vai a poñer a proba a resistencia dos ciclistas despois de 3 semanas de competición".
É a primeira vez que "La Vuelta" vai facer un percorrido tan amplo en Sanxenxo, que inclúe transitar polo corazón da vila de Portonovo. A saída será ás 11:45 horas da Praza dos Barcos e contempla un percorrido neutralizado de 9 quilómetros que se inicia na rúa Augusto González Besada e continúa por:
- O paseo Silgar
- Recta de Baltar
- Avenida Rafael Picó
- Avenida de Pontevedra
- Caneliñas
- Rúa Ourense
- Rúa da Perla
- Travesía da Lanzada
- Recta de Baltar
- Circunvalación
- Rúa Progreso
- E PO-308 ata Areas, onde finaliza o tramo neutralizado e comeza a carreira.
En canto ao espazo ocupado pola Volta no porto, na zona do espigón situaranse 170 vehículos, entre camións, motos autobuses e coches dos 23 equipos. Na Praza do Mar e a Praza dos Barcos situaranse as pérgolas de quecemento, a zona de sponsors e VIP, e o merchandising. O helicóptero utilizará o campo de fútbol de Baltar para aterrar e despegar.
Arosa subliñou que a organización e medios desprazados aloxaranse en 380 habitacións dobres en hoteis de 3 e 4 estrelas do municipio.