O arquitecto Rafael Fontoira e a avogada Diana Fernández, do colectivo Andarela, foron os protagonistas da segunda xornada da cita
A segunda xornada de Sanxenxo na Historia veu marcada pola posta en valor das 8 capelas e dos "roteiros" naturais e culturais do municipio. Na mesa redonda, moderada por Carmen Outón Rea, sentaron o arquitecto Rafael Fontoira que fixo un repaso de oito capelas baixo o título, "Roteiros polas capelas de Sanxenxo", que formarán parte do catálogo de riqueza histórico-artístico que se atopa preparando Aelos e que inclúe cruceiros, reloxos de sol, igrexas e capelas. "Sanxenxo conta con 8 capelas: A Ermida da Nosa Señora da Lanzada, Nosa Señora do Carme, Capela de Aios, Capela de Gondar, a Capela de Santa Catalina, a de O Santo, a do Coto de Arra e, unha moi especial, a de Santa Mariña da Granxa", expuxo.
E é precisamente esta última a que desde Aelos preténdese recuperar. "A de Santa Mariña existiu, pero xa non está e é precisamente a que desde o noso colectivo propómonos recuperar a partir dunha foto. Era moi pequena, de 5x7 metros. Restauramos a imaxe e está na igrexa de Dorrón", sinalou Fontoira.
Pola súa banda, Diana Fernández, socia e fundadora de Andarela, co seu relatorio: "Faise camiño ao andar: Roteiros de Sanxenxo" na que debullou parte das actividades e rutas que desde o colectivo levan realizando desde 2010. "En Andarela, traballamos nos diferentes roteiros aproveitando o medio. O roteiro natural versus o roteiro cultural. Para Andarela é unha mistura. Aproveitamos as posibilidades que nos ofrece o medio, o territorio, desde un punto de vista natural, paisaxístico, económico, cultural, antropolóxico...", sinalou.
Entre algunhas delas, Fernández destacou o Roteiro das Herbas de San Xoán, o de Lagoas da Cachada e Telleira, de Paxariñas a Foxos. "O Chan da Gorita, a parte de deixarnos intuír as pirámides de Sanxenxo, ou que son as mámoas senon monumentos funerarios como o son as pirámides de Exipto" Pois iso, ademais do Chan da Gorita ou o Con da Ventureira, Sanxenxo ten multitude de cons interesantes: a pedra do Amio, a Pedra Sabelsabela", dixo.