Os traballos de recuperación da canle do río Sear e a mellora do cruzamento do camiño municipal que atravesa Dorrón xa están concluídos. A actuación que roldou os 30.000 euros acabará coas inundacións provocadas polos desbordamentos periódicos do río debido á deficiente canalización do leito fluvial.
Os traballos consistiron na retirada dunha tubaxe duns 100 metros de longo que permitiron retomar a canle natural do río. Os problemas coa vella canalización provocaron afundimentos en parte do cruzamento que atravesa o río xerando un importante problema de seguridade viaria na contorna. Para iso executouse un marco prefabricado de formigón armado para substituír o tubo dun metro de diámetro que atravesa o viario e o levantamento de 600 milímetros de tubo da canle do río.
A obra incluíu tamén a reposición da pavimentación que presentaba gretas e mesmo fochas na parte máis próxima ao río. Para mellorar a seguridade do tránsito peonil pola contorna instalouse na ponte unha varanda.
O goberno local quere recuperar con esta actuación unha zona que se inclúe dentro dun itinerario peonil de gran beleza paisaxística e potenciar os recursos naturais do municipio, aumentando a calidade do servizo e a comodidade dos usuarios.
Os traballos foron financiados con fondos sobrantes de 121.758,49 euros do Plan Concellos da Diputación de Pontevedra das anualidades 2018 e 2019.