Concello de Sanxenxo - SANXENXO DESTINA Á POSTA A PUNTO E OPERATIVO DE SEGURIDADE DA VOLTA A ESPAÑA A MÁIS DE 70 PERSOAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
O Paseo de Silgar permanecerá pechado ao tráfico rodado desde as 10 horas e abrirase de forma intermitente tras o paso do pelotón 
 
O Concello de Sanxenxo iniciou esta mesma mañá a posta a punto dos espazos polos que discorrerá o pelotón da Volta a España o vindeiro sábado coincidindo coa festividade de Santa Rosalía e a Feira da Cebola. O grupo de goberno, liderado polo alcalde, Telmo Martín, destinou un equipo de máis de 70 persoas ao operativo de traballadores municipais que velarán pola seguridade e o bo estado dos espazos da proba deportiva que será retransmitida e seguida por 341 medios locais, nacionais e internacionais.
 
O goberno consciente de que se trata dunha gran oportunidade para activar a economía e transmitir a mellor imaxe de Sanxenxo desde terra e aire iniciou esta mesma mañá por Dorrón e Bordóns, tanto a roza das marxes da estrada como o varrido, algo moi importante para evitar caídas dos corredores. Estes traballos repetiranse por todo o percorrido da Volta en Sanxenxo e Portonovo que percorrerá as rúas de Augusto González Besada, Paseo de Silgar, Recta de Baltar, Avenida Rafael Picó, Avenida de Pontevedra, Caneliñas, Rúa Ourense, Rúa da Perla, Travesía da Lanzada, Recta de Baltar, Circunvalación, Rúa Progreso, Avenida León e PO-308 ata Areas, onde finaliza o tramo neutralizado e comeza a carreira.
 
Os estacionamentos dos viarios polos que transcorra A Volta deberán estar libre de vehículos. A partir de mañá colocaranse valados informativos nas distintas rúas polas que transcorrerá o pelotón para que antes da unha da madrugada do sábado, os propietarios dos coches deixen libre o espazo. No caso de que non se cumpra, retiraranse con grúa.
 
En canto ao dispositivo de tráfico, o Paseo de Silgar e a zona portuaria estará pechada ao tráfico desde as 10 da mañá do día 4 ata a saída prevista para as 11:47 horas, despois o corte será intermitente para a saída dos 23 autobuses, 120 vehículos e ata 15 trailers da organización que se situarán na Praza do Mar e a contorna portuaria. O parking de Nauta pecharase media hora antes ás 9:30 horas. No resto dos viarios os cortes e aperturas realizaranse a medida que pase o pelotón. A Policía Local destinará 30 axentes ao operativo de tráfico con ata 21 puntos de control en cruces ao longo da proba neutralizada. Tamén participará un equipo do servizo de Emerxencias de Sanxenxo en labores loxísticos e de seguridade.
 
En canto aos puntos de carga e descarga, para facilitar o labor comercial habilitarase a zona de vehículos especiais diante do Concello e fronte ao Pazo Patiño, na Rúa Madrid, e a Rúa Cesteiros, xa que non se poderá acceder ao da Praza dos Barcos a partir das 10 horas.
A Rúa Viña da Fonte manterase como estacionamento para os medios de comunicación que se despracen.
 
 
Festa de Santa Rosalía
A saída da Volta coincide coa celebración de Santa Rosalía e a Feira da Cebola que terá lugar no recinto dos mariñeiros como xa veu facendo nos últimos anos. Os 51 postos previstos colocaranse durante a xornada do venres para que desde primeira hora as vendedoras poidan ir colocando o seu produto e que a partir das 9:30 horas porán á venda. Pola noite, está prevista a actuación da orquestra París de Noia na Praza do Mar a partir das 22 horas e ás doce realizarase o espectáculo pirotécnico desde a praia de Silgar. Co obxectivo de evitar aglomeracións, ampliouse o número se cadeiras prevista para a orquestra a 1.000 desde onde se poderán visualizar os lumes e cortarase desde as 23:30 o Paseo de Silgar para que as persoas que acudan a velos poidan facelo coa distancia de seguridade recomendada.
0
0
0
s2sdefault