O alcalde, Telmo Martín, acompañado da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitaron esta mañá as obras.
O Concello de Sanxenxo ultima a urbanización de O Revel, o espazo que conta co maior número de equipamento público do municipio cun investimento de 1.262.025 euros. O alcalde, Telmo Martín, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañados de varios membros do goberno, da oposición e da empresa adxudicataria da obra visitaron esta mañá os traballos que están a piques de concluír á espera da plantación de arboledo e o pintado dos viarios. A obra está financiada a través do Plan Concellos e con fondos propios municipais.
A superficie de actuación alcanza os 73.000 metros cadrados e nela concéntrase a escola infantil, o centro de saúde, o novo colexio e o campo de fútbol. O alcalde detallou que está previsto que as obras conclúan en novembro á espera de acondicionar as amplas zonas verdes existentes na urbanización con máis de 100 árbores. "O resultado é espectacular, a imaxe fala por si soa, non fan falla palabras. Este espazo vaise converter nun punto de encontro para as persoas de Vilalonga e outros lugares do municipio", indicou Martín. Tamén destacou a "boa colaboración entre administracións para traballar pola cidadanía, independentemente do partido ao que pertenzamos".
Pola súa banda, a presidenta da Deputación puxo esta obra como exemplo de "transformación e dunha nova forma de facer as cousas" e pondo no centro da actuación ao peón con beirarrúas anchas, sendas e espazos verdes. "Os gobernos locais están a ser nestes momentos os garantes dun cambio de modelos en como tratamos as contorna, como respectamos o medio ambiente e como convertemos ao peón no centro das obras", explicou Silva.
O resultado da urbanización é a conexión de tres viarios que conflúen nunha rotonda, 82 prazas de aparcadoiro e beirarrúas cun ancho que van desde os dous metros e medio ata máis de 4 metros. A actuación complétase con iluminación, mobiliario de pedra e abastecemento de auga e saneamento, así como o acondicionamento das zonas verdes e o tratamento especial do regacho que a atravesa.