Concello de Sanxenxo - O XIV OBRADOIRO DE HOSTALERÍA DO SALNÉS CLAUSÚRASE CON 20 NOVOS CAMAREIROS E COCIÑEIROS CON INSERCIÓN LABORAL INMEDIATA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A décimo quinta edición da actividade dará comezo o próximo 15 de outubro na sede do Real Club Náutico de Sanxenxo

Tras noves meses de formación, os vinte alumnos do Obradoiro de Hostalaría do Salnés deixaron, esta mañá, por uns minutos, as bandexas e os fogóns para recibir o diploma que lles acredita como camareiros de bar ou restaurante e cociñeiros. A actividade parará por pouco tempo na segunda planta da sede do Real Club Náutico porque o próximo día 15 de outubro comezará a décimo quinta edición con outras tantas prazas tan demandadas polo sector turístico e hostaleiro.

O alcalde, Telmo Martín, xunto ao delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López; a presidenta da Mancomunidade, Marta Giráldez e o xerente da entidade, Ramón Guinarte, repartiron os diplomas entre o alumnado que este luns puxo fin á formación. "Estamos aquí para poñer o broche a unha formación que está sendo referencia noutros lugares pola profesionalización e pola altísima inserción laboral. Hai 5 demandas por cada alumno. Isto é un éxito que se debe, por unha banda, á Mancomunidade do Salnés e, polo outro, o importante esforzo que realiza a Xunta de Galicia", sinalou Telmo Martín. O alcalde de Sanxenxo animou a seguir apostando por avanzar na modernización e profesionalización do sector para dar resposta á alta demanda. "É unha profesión moi necesaria e cada vez máis recoñecida", asegurou.

O xerente da Mancomunidade do Salnés, Ramón Guinarte, cualificou de "fito" lograr 15 edicións consecutivas do obradoiro "porque hai que competir con outros moitos proxectos". Na mesma liña, sinalou que a "formación de calidade" ten grandes vantaxes tanto para O Salnés "como principal destino turístico de Galicia" como para o alumnado porque "poden aspirar a obter mellores postos de traballo e mellor remunerados".

O delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luís López, destacou a aposta que o goberno galego está a realizar pola formación para lograr un maior índice de emprego. "Ademais dos obradoiros, a Xunta vén de aprobar esta semana as accións formativas para desempregados que na comarca do Salnés chegan ás 50 e vanse a desenvolver en 12 entidades. Estamos falando, entre obradoiros e estas accións, de 800 persoas beneficiarias", dixo. López felicitou á Mancomunidade polo proxecto do obradoiro co que colabora a Xunta de Galicia cunha partida de 350.000 euros.

A presidenta da Mancomunidade do Salnés, Marta Giráldez, tras felicitar ao alumnado e equipo docente, incidiu na idoneidade das instalacións. "Estivestedesvos formando no epicentro do turismo de Galicia e iso é un privilexio. A nosa comarca véndese soa, pero o que buscamos é acadar a execelencia a través destes obradoiros", explicou.

O Concello de Sanxenxo aspira a ampliar o abanico de formación coa creación dun módulo de hostalaría no antigo colexio de O Cruceiro e plasmar na práctica esta aposta pola gastronomía coa posta en marcha dun Centro da Cultura Gastronómica das Rías Baixas coa segunda fase do Pazo de Quintáns. "Sanxenxo é visitable os 365 días e na gastronomía e enoloxía, ademais do noso patrimonio natural e histórico, temos dous grandes aliados", asegura Martín.

0
0
0
s2sdefault