O alcalde, Telmo Martín, trasladou esta mesma mañá a intención do goberno aos portavoces da oposición
Sanxenxo solidarizarase coa situación que atravesan os dous municipios da Palma máis afectados pola erupción volcánica de Cabeza de Vaca que desde o pasado domingo está a ter un efecto devastador en Los Llanos de Aridane e El Paso. Centos de persoas perderon a súa vivenda, os seus vehículos e os seus cultivos, tragados tras o paso da coada do volcán.
Ante esta terrible desgraza natural, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, trasladou esta mesma mañá a decisión aos portavoces da oposición de aprobar no Pleno do próximo luns unha moción de apoio económico que se traducirá nun euro por cada habitante de Sanxenxo.
A referencia poboacional será a rexistrada no padrón municipal de Sanxenxo o pasado domingo, 19 de setembro, día no que deu comezo a erupción volcánica, cando Sanxenxo tiña unha poboación de 17.810 habitantes. As axudas repartiranse de forma proporcional por cada municipio. Los Llanos de Aridane ten 20.760 habitantes e El Paso, 7.623.
"Ante esta desgraza que están vivindo centos de familias da Palma, os veciños de Sanxenxo volven a amosar o seu carácter solidario como xa fixo noutras ocasións. A dor, a angustia e a desesperación que sinten os palmeiros pola perda da súa vivenda, o seu cultivo ou calquera outro ben baixo a lava tamén o sinte Sanxenxo", asegura o alcalde.
A aprobación desta axuda realizarase en forma de moción no Pleno ordinario do próximo luns previsto para as 20:30 horas.