O texto promove o desenvolvemento sustentable dos espazos e a convivencia entre os usuarios
Sanxenxo contará a partir do próximo verán cunha ordenanza para as súas praias que incidirá no uso responsable e o coidado dos areais do municipio. Un texto que fomentará o desenvolvemento sustentable destes espazos naturais e a convivencia entre os usuarios das praias no primeiro destino turístico do norte de España durante a época estival.
O texto que xa pasou a fase de alegacións irá a aprobación inicial o próximo Pleno ordinario do luns para continuar coa súa tramitación. Consta de 21 artigos de uso e xestión, así como dun réxime sancionador con tres tipos de infracción: Leves, graves ou moi graves. As sancións poderán ir desde os 750 aos 3.000 euros dependendo da gravidade da infracción.
O regulamento dedica un dos seus artigos á celebración de San Xoán, cita moi arraigada e vinculada ao goce nos areais. Ademais, dos permisos e requisitos que desde o concello esixíanse ata o momento en determinadas praias onde se autorizaban as fogueiras, quedarán prohibidas as tendas de campaña, os faroliños tailandeses, os vasos ou botellas de vidro e o baño, por motivos de seguridade, quedará totalmente prohibido entre as 22 horas do 23 ata as 9 horas do 24.
En canto á utilización habitual da praia, a ordenanza prohibe que se deixen instaladas parasoles ou cadeiras de praia, a modo de reserva de espazo, senón se atopa o propietario. Tampouco se permitirá cociñar nin a utilización de artefactos que leven aparellado o uso de lume. As molestias por ruídos é outro dos aspectos que busca regular a ordenanza. Os aparellos de radio ou casetes non poderán molestar aos usuarios polo que non poderán superar 45 decibeis durante o día e 35 decibeis pola noite.
En canto á presenza de animais, quedará prohibida a circulación de calquera tipo de animal doméstico nas praias ou zona de baño durante a tempada de baño (1 de xuño ao 30 de setembro). Unha limitación que se amplía nas zonas sensibles pola cría de aves desde o 15 de marzo nas praias de Rede Natura 2000 como son Major, Fontenla, Foxos, Nosa Señora, Areas Gordas, A Lapa, Espiñeiro, A Lanzada e Montalvo.
En definitiva, a nova ordenanza contribuirá á mellora e coidado das praias de Sanxexo que son xa un referente turístico e paisaxístico cun texto que promove o coidado e a sustentabilidade ambiental