A cita, organizada polo Club de Piragüismo e a Confraría de Pescadores, contará cos produtos estrela das tres provincias costeiras galegas
A Festa da Empanada de Portonovo celebra esta fin de semana a súa terceira edición na lonxa de Portonovo con ata 16 recheos diferentes e todos amparados polo selo de calidade PescadeRías de onde se non? De Xoubas de Portonovo, de Millo de Berberechos de Carril, de Polbo de Bueu, de Xarda de Portonovo, de Raia de Portonovo, de Navalla da Ría de Pontevedra, de Choco de Redondela, de Congro de Portonovo, de Vieiras de Cambados, de Anguía de Arcade, de Algas de Cangas, de Zamburiñas de Cambados e de Produtos do Mar de Muros. O abanico de ofertas de empanada ampliarase este ano con tres novos produtos: Bonito de Burela, Mexillón de Galicia e Peixe Espada da Garda. Os prezos por ración de empanada serán populares e partirán de 3 euros.
A zona de poxas da lonxa acolleu esta mañá a presentación da cita gastronómica que comeza a consolidarse no calendario festivo portonovés e que supón unha importante axuda para as arcas do do Club de Piragüismo de Portonovo. O concelleiro de Deportes, Daniel Arosa, agradeceu á organización este tipo de citas que "nesta época atraen a xente ao municipio e contribúe favorablemente na economía de todos". Ademais, destacou a iniciativa do Club de Piragüismo por "facer eventos que poñan en valor os produtos de Portonovo e do mar de toda Galicia", así como a colaboración da Confraría de Pescadores de Portonovo que "cede as súas instalacións". O presidente do Club de Piragüismo, Alberto Rodríguez, incidiu en que "por primeira vez, contamos cos produtos estrela do mar das tres provincias costeiras de Galicia".
A Festa dá Empanada Mariñeira inaugurarase este sábado, ás 13 horas, coa apertura dos postos de degustación. Haberá tamén unha exposición de "Embarcacións artesanais en Galicia" e "Artes de Pesca de Galicia". Ás 13:15 horas, os asistentes poderán gozar dun showcooking "A empanada mariñeira na dieta saudable" e outro, ás 18 horas, "Unha aposta pola empanda mariñeira ecolóxica". Ás 20:30 poderase gozar dunha actuación musical e ás 21:30 horas pecharanse as instalacións.
O domingo, os postos de degustación abriranse unha hora antes, ás 12 horas. Media hora máis tarde, a lonxa acollerá un Maridaxe da Empanada Mariñeira cos Viños Galegos. Ás 13:30 horas, actuación musical a cargo de "Xirin e amigos". Ás 17:35 horas, Obradoiro Peque-Empanada, para nenos e nenas de 5 a 12 anos, a cargo de Rocío Caramés. As instalacións pecharanse ás 20:30 horas.
Concurso
O domingo 3, celebrarase o concurso popular para elixir a mellor empanada. A inscrición é gratuíta e pode presentarse calquera persoa maior de 18 anos antes das 14 horas. Os interesados poderán anotarse no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., no teléfono 986 861 343 ou o mesmo día no punto de información habilitado na lonxa. No tres casos deberase facilitar o nome e apelidos, teléfono de contacto, localidade de procedencia e produtos PescadeRías empregados.
A cata das empanadas será realizada por un xurado profesional ás 17:30 horas e ás 18:30 horas emitirase o fallo. Haberá premios para os 3 primeiros clasificados. O primeiro premio, hospedaxe, cea e sesión spa para dúas persoas no Hotel Nova Astur; o segundo, cea para dúas persoas na Marisquería O Pescador de Portonovo e o terceiro, sesión spa para 2 persoas no Hotel Novo Astur.