O director de cine cambadés, Juan Galiñanes, visitará mañá, ás 10 horas, o colexio de Nantes dentro do proxecto educativo "Sorpresiña vai ao cine". O cineasta local é un realizador, guionista e montador que triunfa dentro e fóra das fronteiras galegas. A súa filmografía é ampla e variada con títulos como "Hierro", "El desorden que dejas", "Quien a hierro mata", "Dhogs", "Holy Night", "La Unidad", "Serramoura", "A Estiba", "El sueño de una noche de San Juan", "Espíritu del bosque" ou "Todos os santos", entre outros moitos.
O alumnado do centro e o claustro acondicionarán o centro para a súa visita no marco deste proxecto integral cuxa temática terá un carácter transversal en todas as materias tanto en Infantil como en Primaria. Galiñanes achegará a súa visión do cine e realizará un repaso da súa traxectoria nun ambiente cinematográfico no que non faltará o Paseo da Fama, photocall con imaxes das súas películas...
O proxecto "Sorpresiña vai ao cine" enmárcase dentro do plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE) e é unha actividade integral cuxa temática, o cine, trabállase nas distintas materias e niveis do centro educativo.
A través deste proxecto documental integrado traballaranse ao longo do curso, diferentes competencias para a elaboración do proxecto final que consistirá na gravación e posterior estrea dunha película na que o alumnado será guionista, cámara , actores e actrices...