Concello de Sanxenxo - A POLICÍA LOCAL REXISTROU NO QUE VAI DE ANO UN TOTAL DE 577 OBXECTOS PERDIDOS NO MUNICIPIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Unha maleta con roupa, dúas bicicletas, varios xogos de chaves, carteiras con diñeiro ou móbiles, entre os extravíos 
 
Bicicletas, patinetes, chaves, tarxetas, carteiras con diñeiro en efectivo e ata unha maleta con roupa mantéñense a recado nas dependencias policiais de Sanxenxo á espera de que apareza o seu dono. Alí permanecerán ata un máximo de 24 meses antes de destruílos ou doalos a algún colectivo social. 
 
No que vai de ano, rexistráronse ata un total de 577 obxectos perdidos na vía e espazos públicos que ou ben se entregaron nas oficinas da Policía ou ben foron atopadas polos propios axentes. Destes, 185 obxectos puideron ser entregados de novo aos seus propietarios ben pola súa propia reclamación ou porque os axentes lograron localizalos a través dos seus datos de identificación.
 
Ata o momento, o mes de agosto foi o de maior incidencia de extravíos, 25, dos que 8 volveron a mans dos seus donos. Entre os obxectos perdidos atópanse DNI, cartóns bancarios, móbiles, patinetes, bicicletas, lentes, carteiras con diñeiro e ata unha maleta con roupa que se conservan na xefatura de Miraflores.
 
No caso dos teléfonos móbiles déixanse acesos todo o tempo posible e na maioría dos casos son os propios propietarios quen chaman para recuperalos, pero non se entregan mentres non marcan o contrasinal que demostra que é seu. 
 
En canto ás zonas máis frecuentes de perdas, o Paseo de Silgar é un dos puntos quentes, espazo que coincide coa maior concentración de persoas durante o verán, pero tamén a zona portuaria e os areais máis concorridos son zonas habituais de extravíos.
 
Polo xeral, se alguén se dá conta da perda recorre á Policía chamando ao teléfono 986 727 072, se hai algún obxecto coas características indicadas acoden á xefatura da Policía para realizar a comprobación e recuperalo.
0
0
0
s2sdefault