O goberno ultima o prego do contrato para licitalo en novembro, por unha duración de dous anos e 1,3 millóns
O goberno xa está a traballar na mellora dos servizos de praias para o verán de 2022. O primeiro paso é o concurso para a xestión externa do servizo de salvamento e socorrismo que tivo un importante crecemento desde 2016 ao pasar Sanxenxo de 10 bandeiras azuis ás 17 actuais. Sanxenxo elixe un modelo de xestión que xa se aplica maioritariamente noutros importantes destinos turísticos.
O Concello ultima xa un novo contrato que contempla, no apartado de melloras, un reforzo de persoal e a ampliación da duración do servizo en máis praias das xa habituais como Areas, Silgar, Canelas e Montalvo que contan con socorristas desde o 15 de xuño ao 15 de setembro. O novo prego, que se prevé que salga a licitación o próximo mes de novembro por 1,3 millóns, terá unha duración de dous anos coa posibilidade de dúas prórrogas.
En canto ao equipamento, ás embarcacións e motos náuticas habituais, o servizo reforzarase cunha moto para as tarefas regulares de inspección, supervisión e control dos areais, así como un vehículo de intervención para o traslado de persoal nunha emerxencia. A dotación de material contempla, como mínimo, por cada módulo: Un desfibrilador, un equipo de férulas semirríxidas, balón ou botella de osíxeno medicinal, mochila de primeiros auxilios, balón autoinflable ou ventilador manual, máscaras de baixo e alto fluxo, collarín cervical, tensiómetro, termómetro, mantas térmicas, aos que se suman produtos e diferentes apósitos para curas ou golpes. Nas praias de Panadeira, Silgar, Baltar, Caneliñas e Canelas deberán contar cunha cadeira anfibia para o baño de persoas con problemas de mobilidade, así como muletas anfibias.
Coa entrada en vigor da primeira ordenanza de praias en Sanxenxo, o prego recolle a realización de campañas de concienciación e coidado dos espazos naturais para dar cumprimento ao novo regulamento que deberá realizar a adxudicataria ao longo do verán para dar a coñecer a normativa.
A empresa adxudicataria deberá contar cunha ampla experiencia no sector de salvamento e socorrismo durante polo menos os últimos tres anos para garantir a mellor cobertura e profesionais posibles nas praias.