O Fin de Ano despedirase cunha tirada de fogos de artificio, ás 20 horas, e un mergullo solidario, ás 16 horas, na praia de Silgar
Sanxenxo inaugurará o vindeiro mércores, ás 18 horas, o Nadal co aceso dos 487 motivos luminosos que se estenderán pola decoración das sete parroquias. A iluminación manterase ata o próximo 10 de xaneiro e inclúe distintos elementos como un libro, árbores, caixas de agasallo ou cervos, entre a decoración. Entretendas como apoio á decoración de nadal sumará ao tradicional Concurso de Escaparates, a celebración do acto de aceso de iluminación do Nadal, facendo da Praza dos Barcos o centro neurálxico do mesmo, con música e a repartición de elementos luminosos que contribuirán ao ambiente festivo. E para formar parte da programación de Nadal están a organizar unha actividade na vila de Portonovo
A Concellería de Cultura dirixida por Paz Lago ultima a programación do Nadal na que se incluirá unha despedida de ano diferente. E é que aínda que, o 31 de decembro, manteranse as badaladas anticipadas ás 12 horas na Praza Pascual Veiga, organizada pola Asociación Cultural O Cubreiro; pola tarde, a Praia de Silgar acollerá un mergullo solidario, ás 16 horas. As persoas que acudan a darse un baño poderán vir vestidas, disfrazadas ou con bañador e poderán colaborar coa Fundación Aladina, asociación que axuda aos nenos con cancro, cun donativo de 5 euros. Á saída da auga, os participantes poderán gozar dun chocolate quente. O broche á xornada porallo a primeira tirada de fogos de artificio de Sanxenxo en tempada do Nadal, a partir das 20 horas. Un espectáculo pirotécnico cunha duración de case once minutos que partirá do areal e encherá o ceo de luces de cores e son.
Papá Noel e Reis Magos
Portonovo converterase o próximo 24 de decembro no Polo norte para que Papá Noel reciba aos pequenos do municipio e estes poidan trasladarlles as súas peticións e desexos. Unha cita moi especial e ambientada na mismísima Laponia finlandesa.
O día 5, mentres os Reis Magos descansan e prepáranse para a repartición nocturna, os paxes reais percorrerán, durante toda a mañá, no Tren Mago as sete parroquias para convidar ás familias á recepción real que terá lugar, pola tarde, na Sala Nauta e que substituirá á tradicional cabalgata. Unha vez dentro, os nenos e nenas poderán fotografarse coas súas maxestades e mesmo entregarlle en man a súa carta.