Concello de Sanxenxo - A POSTA EN VALOR DA EMBLEMÁTICA PRAZA DE MÉNDEZ NÚÑEZ CULMINA CUN NOVO ESPAZO ACCESIBLE E HUMANIZADO EN PORTONOVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



O alcalde, Telmo Martín, e o delegado da Xunta, Luis López, visitaron esta mesma mañá a actuación financiada ao 70% co Plan Hurbe

Os veciños e veciñas de Portonovo xa poden gozar da mellora e humanización da Praza de Méndez Núñez. Un espazo que o alcalde, Telmo Martín, cualificou como "emblemático" na vila mariñeira e que foi obxecto dunha profunda posta en valor cun proxecto asinado polo arquitecto portonovés, Gabriel Alarcón.

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, acompañado da tenente de alcalde, María Deza, o delegado da Xunta de Galicia, Luis López, e o xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González, visitaron esta mañá os traballos mentres os operarios da empresa adxudicataria pechaban os últimos detalles da obra. A zona está previsto que retome a normalidade e reábrase ao tráfico esta mesma tarde. Estes traballos supoñen un investimento de 112.849 euros financiados nun 70% pola Xunta de Galicia a través do Plan Hurbe e o 30% restante, a través de fondos municipais.

O alcalde sinalou que "a mellora é evidente" e incidiu en que con esta obra poténciase un "espazo histórico de Portonovo cumprindo con todos os parámetros de accesibilidade e facendo unha praza inclusiva". E é que Martín subliñou que "unha das dificultades desta actuación era reducir a pendente e garantir a accesibilidade universal con superficies podotáctiles que permitan o tránsito seguro a peóns con discapacidade visual".

Na mesma liña, o alcalde asegurou que "respectamos a súa esencia ao empregar elementos nobres na súa construción como a pedra, pero imprimímoslle un carácter innovador para que siga a ser punto de encontro das vindeiras xeracións".

Pola súa banda, Luis López destacou "a calidade" do proxecto "moi acorde co espírito do Plan Hurbe co que se trata de favorecer espazos con prioridade peonil".
A remodelación da praza leva implícita a eliminación do tráfico de vehículos na rúa Méndez Núñez, só no tramo que coincide coa praza, para conectar directamente o novo espazo cos edificios existentes.
A mobilidade peonil realizarase a través de chanzos que atravesan a praza. En canto ao tráfico, os vehículos manteranse na rúa da Mariña como prolongación da travesía de Santa Catalina.

A iluminación da praza refórzase cun farol alto con catro puntos de luz para orientar a luz e mellorar a seguridade nesa zona. Ademais, elixiuse o loureiro árbore ornamental neste recinto. Trátase dunha árbore perenne que garante sombra durante todo o ano nesta praza. Ademais, varias macetas de aceiro sitúanse en puntos estratéxicos da praza.

0
0
0
s2sdefault