Concello de Sanxenxo - SANXENXO SACARÁ A CONCURSO O ACONDICIONAMENTO DE 23 PRAIAS POR CASE 50.000 EUROS PARA ESTE VERÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A subministración de dous módulos de aseos adaptados sairá a licitación por 54.450 euros

Sanxenxo continúa avanzando na posta a punto do municipio para o próximo verán e sacará, nos próximos días, a concurso o acondicionamento de 23 praias por 48.378 euros. O prego de condicións contempla actuacións nos seguintes areais: Santa Mariña, Pampaido, Area de Agra, Areas, Palacios-Barreiros, Grileira, Carabuxeira, Lavapanos, A Panadeira, Silgar, Baltar, Caneliñas, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas, Pragueira, Major, Foxos, Nosa Señora da Lanzada, Areas Gordas e O Espiñeiro-A Lanzada.

Os traballos centraranse en labores de mantemento de valos, torretas de socorrismo, aseos e espazos de madeira de cada areal coa aplicación dun tratamento que aumente a súa durabilidade e, nalgúns casos, o pintado para mellorar a estética dos elementos. Contémplase, ademais, no contrato a instalación de pérgolas de sombra en Canelas, Caneliñas, Baltar, Silgar e Panadeira.

Trátase dun contrato mixto no que se inclúen pequenas obras ou melloras, pero tamén servizos a través da colocación e retirada de pasarenas, así como paneis informativos de distinto tipo e sinalizacións. Tamén se inclúe o pintado das varandas nas praias de Lavapanos, Carabuxeira, Grileira, Palacios-Barreiros e Pampaido. Outras actuacións que mellorarán a accesibilidade ás praias son o paso de madeira sobre o regato da Carabuxeira e a ponte de madeira do regato de Areas.

Nos próximos días tamén sairá a licitación a subministración de dous novos módulos de aseos adaptados para praias por 54.450 euros.

O Concello de Sanxenxo realiza cada verán unha importante aposta investidora tanto nas 17 praias con bandeira azul como no resto dos areais co obxectivo de mellorar os servizos.

0
0
0
s2sdefault