Concello de Sanxenxo - AS PRAIAS DA CARABUXEIRA E LAVAPANOS PODERÁN RECIBIR ACHEGUES DE AREA PERIÓDICOS ATA 2025
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación máis relevante do proxecto é o espigón rampla que servirá para evitar definitivamente a perda de area das praias

Sanxenxo acolleu onte unha reunión do grupo de traballo que forman Portos de Galicia, o Servizo Provincial de Costas e Nauta sobre a rexeneración da praia da Carabuxeira. Durante o encontro abordouse a situación da tramitación da fase definitiva de recuperación dos areais da Carabuxeira e Lavapanos e os posibles achegues periódicos de area durante un período de 4 anos, previa autorización, dentro dos traballos de mantemento da actuación realizada o ano pasado.

No encontro tamén se tratou o informe emitido pola Dirección Xeral da Costa e o Mar no seo do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada do "Proxecto de rexeneración da praia da Carabuxeira e Lavapanos e obras de acceso" e acordouse solicitar a visita dos responsables do órgano estatal a Sanxenxo para que coñezan "in situ" o resultado da fase provisional e o ámbito de actuación do proxecto definitivo.

Desde a súa constitución en 2018 déronse pasos moi importantes para a rexeneración definitiva de ambas as praias:

  • A redacción do "Proxecto de rexeneración da praia da Carabuxeira e Lavapanos e obras de acceso".
  • Análise do Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas da evolución das praias e as medidas para mellorar o seu estado.
  • O inicio do trámite de avaliación de impacto ambiental do "Proxecto de rexeneración da praia da Carabuxeira e Lavapanos e obras de acceso", cuxo órgano ambiental é a da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostenibilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia.
  • O Concello, consciente dos prazos administrativos necesarios para tramitar o proxecto definitivo e dado o risco existente para as edificacións situadas na fronte de praia, presentou un proxecto provisional que Costas autorizou e que supuxo a achega de 10.000 m3 de area en maio de 2021.

O informe da Dirección Xeral da Costa e o Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica (decembro 2021) valora e analiza administrativamente as actuacións propostas no "Proxecto de rexeneración da praia da Carabuxeira e Lavapanos e obras de acceso", a saber:

  1. Construción dun espigón rampla perpendicular á praia (unindo as rocas existentes) de case 100 m x 2,34 m de ancho para evitar a perda de area.
  2. A achega de 17.000 m3 de area procedentes da contorna da actuación. 14.000 m3 na praia da Carabuxeira que se suman aos 10.000 m3 depositados en maio de 2021 e 3.000 m3 máis en Lavapanos.
  3. Paseo marítimo, que como tal, só podería facerse nos 6 metros de servidume de tránsito. O artigo 27 da Lei de Costas (1988) di: "A servidume de tránsito debe deixarse permanentemente expedita para o paso publico peonil e vehículos de vixilancia e salvamento". O artigo 27.3 da citada Lei matiza que esta zona "poderá ser ocupada para a execución de paseos marítimos".

Na Carabuxeira, como noutras moitas praias da costa española, non se cumpre pois hai, indica o informe, "edificacións e cerramentos que ocupan os 6 metros da servidume de tránsito" polo que se se decide facer un paseo fixo terá que ser mediante cesións voluntarias ou expropiacións.
En resumo, o informe é un paso importante para corrixir definitivamente a perda de area destes dous areais. Pero hai que ser consciente que a rexeneración dunha praia require unha longa tramitación que, entre outros trámites, inclúe unha avaliación ambiental e a solicitude ante o Servizo Provincial de Costas dos títulos de ocupación necesarios para realizar o tres actuacións previstas.

0
0
0
s2sdefault