Concello de Sanxenxo - O CONCURSO PARA A REMODELACIÓN DO PORTO DE PORTONOVO ATRAE A VISITA DUNHA DUCIA DE POSIBLES LICITADORES A COÑECER O ESPAZO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O prazo para presentar as propostas conclúe o próximo 11 de abril

A remodelación do porto de Portonovo atraeu esta mañá á contorna portuaria a unha ducia de interesados en participar no concurso ideas convocado polo Concello de Sanxenxo e Portos de Galicia. Á visita que estivo guiada por responsables do Colexio de Arquitectos de Galicia e do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos asistiron o alcalde, Telmo Martín, e a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas. Tamén estiveron no percorrido o patrón maior, Juan José Besada, e o presidente do Club Náutico de Portonovo, Javier Ruiz de Cortázar.
O próximo 11 de abril pecharase o prazo de presentación de ofertas ao concurso que conta cun orzamento de 40.000 euros en premios. Así, o primeiro premio estará dotado con 25.000 euros; o segundo, con 10.000 euros e o terceiro, con 5.000 euros.

O alcalde de Sanxenxo sinalou que o proxecto gañador do concurso deberá ter moi en conta "as tres actividades que se desenvolven neste espazo. Por unha banda, é a máis importante, a actividade pesqueira, o Club Náutico de Portonovo e o uso e disfrute do terreo público". Así, Martín indicou que debe ser "unha actuación integral que remodele a actual fachada marítima que presenta unha imaxe pobre, pouco acorde coa vila de Portonovo". Tamén esbozou algunhas ideas e necesidades na vila como "unha gran praza pública e un aparcamento".

A presidenta de Portos incidiu en que a visita programada servirá "para que os posibles licitadores coñezan in situ o porto e as súas necesidades". Na mesma liña, subliñou que o concurso "vén para manter o carácter puramente portuario, pero conxugalo cos usos municipais". Lenguas explicou que no concurso primarase a calidade arquitectónica e inxenieril, a sustentabilidade, os custos de mantemento e a capacidade económica do proxecto.

En canto aos prazos da obra, Martín incidiu que "é un proxecto de calado que non se fai nin nun nin en tres anos porque leva unha tramitación complexa". Respecto do financiamento, o alcalde asegurou que "xa temos experiencia co de Sanxenxo e o financiamento non suporá ningún impedimento".

0
0
0
s2sdefault