A empresa encargada dos traballos realizará tomas de árido en distintos puntos para caracterizar a súa extracción
Nauta Sanxenxo iniciará esta semana o estudo topográfico e de batimetría nas praias da Carabuxeira e Lavapanos dentro dos trámites necesarios para a realización de achegues de árido en ambos os areais. Con ambos os traballos coñecerase o estado actual do perfil das praias e, no caso da Carabuxeira, a evolución e o estado da rexeneración do areal efectuada hai un ano. Ademais, tamén se tomarán mostras para caracterizar a area que se poida extraer en distintos puntos da lámina de auga da contorna.
O alcalde, Telmo Martín, presidiu esta mañá a comisión de seguimento da rexeneración das praias na que estiveron representantes da xefatura territorial de Costas e de Portos de Galicia. Durante a reunión abordáronse os pasos a seguir para a realización destes achegues de area puntuais en ambas as praias aya 2025 e o estado da tramitación do proxecto definitivo.
Nauta remitiu esta mesma mañá a Portos de Galicia as contestacións ás alegacións presentadas ao proxecto definitivo para continuar avanzando na tramitación ambiental e asumiu algunhas das propostas como unha cartografía bentónica na que se estudarán as especies da reserva mariña da contorna.
O proxecto de rexeneración da praia da Carabuxeira e Lavapanos e obras de acceso inclúe a construción dun espigón rampla perpendicular á praia (unindo as rocas existentes) de case 100 metros por 2,34 metros de ancho para evitar a perda de area. Tamén se prevé a achega de 14.000 metros cúbicos de area procedentes da contorna da actuación que se suman aos 10.000 metros cúbicos depositados na praia da Carabuxeira na primavera de 2021 e un paseo marítimo.
NAUTA SANXENXO INICIA ESTA SEMANA OS ESTUDOS TOPOGRÁFICO E DE BATIMETRÍA NAS PRAIAS DA CARABUXEIRA E LAVAPANOS

powered by social2s