Concello de Sanxenxo - SANXENXO SÚMASE POR QUINTO ANO CONSECUTIVO Á HORA DO PLANETA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo sumarase por quinto ano consecutivo á Hora do Planeta o vindeiro sábado e apagará durante sesenta minutos, de 20:30 a 21:30 horas, a Rúa Madrid, o Porto Deportivo, o Paseo de Silgar, a Avenida de Galicia e Rafael Picó. Trátase dunha campaña de mobilización que une a millóns de persoas, cidades e empresas de todo o mundo comprometidas coa conservación da natureza.

A Hora do Planeta 2022 ten lugar nun momento especialmente importante. Unha alianza de gobernos e organizacións, entre elas WWF, están a pedir unha maior ambición e unha acción urxente para deter e reverter a perda da natureza para 2030. Unhas semanas despois da Hora do Planeta 2022, os líderes mundiais reuniranse na COP15 do Convenio de Nacións Unidas sobre Diversidade Biolóxica para decidir sobre un novo plan de acción global para a natureza para a próxima década.

A Hora do Planeta naceu en Sidney en 2007 como un xesto simbólico para chamar a atención sobre o problema do cambio climático. Un sinxelo xesto que consiste en apagar as luces de edificios e monumentos durante unha hora.

Un símbolo co que se busca lembrar que a natureza é o sistema de soporte vital do planeta, que brinda todo o que necesitamos, desde o aire que respiramos ata a auga que bebemos e os alimentos que comemos e que debemos defendela agora para salvagardar a saúde do noso planeta e, á súa vez, a nosa propia saúde e benestar.

Desde a súa primeira edición en 2007 (2009 en España), a campaña converteuse nun dos movementos ambientais máis grandes do mundo, dando voz a millóns de persoas e a miles de empresas e institucións que se suman en máis de 200 países.

0
0
0
s2sdefault