Concello de Sanxenxo - TEATRO O LARANXO REPRESENTA ESTE DOMINGO EN SANXENXO "LLUVIA DE ESTRELLAS", UN ESPECTÁCULO DINÁMICO E DE FAMILIA COA MÚSICA COMO FÍO CONDUTOR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O grupo de teatro O Laranxo levará ao Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo un novo espectáculo divertido, familiar, dinámico e no que a música será o fío condutor desta parodia dirixida por Hugo Andrade (Portonovo, 1984), que en 2019 abarrotaba este mesmo auditorio cunha Gala na que celebraba os seus 25 anos sobre un escenario.


Ao redor de dúas horas de diversión é o que ofrece "Lluvia de Estrellas", unha parodia do programa televisivo presentado no seu día nunha cadea estatal por Bertín Osborne e cuxo formato será popularizado por actores e actrices de O Laranxo, caras xa coñecidas para os moitos seguidores desta agrupación teatral portonovesa.


Oito actuacións entrarán en concurso, aínda que ao escenario iranse subindo outros artistas aos que o xurado, composto por Silvia Muñiz, Damián Andrade e Marcos Otero, non terán que puntuar, pero cuxa interpretación sorprenderá ao público.
Quen si competirán por facer cun dos primeiros postos outorgados polo xurado serán Celia Cruz (Elvira Aguín); Fiordaliso (Olga Miguez); Joselito (Carmen Sotelo); Alaska (Angeles Otero); Julio Iglesias (Nori Martínez); Karina (Carmen Lima); Rocío Durcal (Charo González) e Antonio Machín, ao que dará vida Hugo Andrade.
Con "Lluvia de Estrellas" teatro O Laranxo recupera a normalidade interpretativa, paralizada durante case dous anos polas restricións impostas por mor da pandemia. De feito o espectáculo estaba previsto para o pasado mes de outubro pero unha nova onda do Covid-19 impediu que puidese representarse. Hugo Andrade, premio ao Mellor Actor da provincia en 2009 pola súa interpretación na Casa de Bernarda Alba, deseñou agora un espectáculo dinámico cun forte contido musical en parte como homenaxe á importancia que a música tivo como refuxio durante o confinamento
As entradas, a un prezo de 5 euros, poderán adquirirse no propio Auditorio unha hora antes do inicio do espectáculo, programado para as 18.00 horas. Hugo Andrade anima a asistir xa que garante dúas horas de risas "algo que nos fai moita falta nestes tempos".

0
0
0
s2sdefault