Concello de Sanxenxo - OS TRABALLOS DA SENDA PEONIL QUE UNIRÁ O VINQUIÑO E CONTUMIL ARRINCAN COA APERTURA DE CUNETAS E A LIMPEZA DAS MARXES DO VIARIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación cun custo de 497.764 euros será financiada a través do Plan Concellos da Deputación e con fondos propios

A adxudicataria da execución do proxecto de humanización do viario que une O Vinquiño e Contumil iniciaron estes días os traballos. A actuación que ten un custo de case 500.000 euros deu comezo cunha limpeza completa das marxes do viario e a apertura de cunetas. A actuación conta con 1.048 metros de lonxitude e foi precisa a cesión voluntaria de terreo de seis veciños lindeiros coa senda proxectada.

O proxecto contempla unha senda peonil de formigón coloreado de dous metros de ancho, unha área de descanso, dotación de iluminación pública e unha mellora da rede de saneamento.

Na actualidade o pavimento do viario atópase en moi mal estado e en varias zonas o ancho é escaso supondo un grave perigo para veciños e nenos que transitan pola zona na que se atopa o colexio de Nantes e as instalacións do Centro Cultural Deportivo de Sanxenxo, así como varias vivendas.

Os traballos expoñen a ampliación da estrada ata os 8 metros, deixando 2 deles para unha senda na marxe dereita que garanta unha circulación segura para o peón, alcanzando as dúas marxes onde se ensancha o viario. Para delimitar a senda peonil, que estará á mesma altura que a calzada, colocaranse 991 metros de bordo prefabricado de formigón.

O proxecto contempla tamén unha área de convivencia no tramo intermedio coa pavimentación igual á da senda peonil, fundíndose as dúas zonas nunha. Nesta zona plantaranse varias árbores, e colocaranse uns bancos de madeira e unhas papeleiras, para que os viandantes poidan descansar e retomar forzas.

Previamente á pavimentación, mellorarase a rede de saneamento, coa colocación dunha tubaxe de pluviais de PVC e os correspondentes pozos de rexistro e sumidoiros. Tamén se soterrarán os cables de telefonía e electricidade. A obra contempla a instalación de 35 puntos de luz, un cada 30 metros, con luminarias led de alta potencia.

0
0
0
s2sdefault