Concello de Sanxenxo - O CONCELLO RETIRA MÁIS DE 10.000 QUILOS DE PLANTAS INVASORAS DAS DUNAS DA PRAIA DE AREAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A mellora inclúe tamén o cambio de 100 metros de pasarela e 300 metros do valado con plástico reciclado

Máis de 10.000 quilos de plantas invasoras, uña de gato e agave, foron retiradas nos últimos días da praia de Areas. Algunhas destas especies atopábanse nas dunas polo que foi precisa a súa retirada manual, mentres que o resto que se achaba no areal extraéronse coa pa escavadora. A actuación enmárcase dentro do proxecto "Posta en valor e mellora de accesibilidade, protección dunar e obtención de servizos móbiles para o litoral de Sanxenxo" valorado en 86.297 euros. O GALP colabora con 64.759 euros e o Concello asume os 21.538 euros restantes con fondos propios.

De forma simultánea tamén se empezou coa renovación duns 100 metros de pasarela de madeira que se atopa moi deteriorada por unha nova de piñeiro cunha anchura de 2,50 metros. O resto de pasarela presenta bo estado polo que se procederá á súa limpeza e a aplicación dun protector de madeira para a súa conservación. Os obxectivos son mellorar os accesos xa consolidados e de dotar de seguridade e accesibilidade a zona de tránsito. Na renovación deste novo tramo aproveitouse para aproximar o trazado ás vivendas facilitando a rexeneración natural da duna.

En canto á protección dunar, tamén está prevista a substitución do valado ao longo de 300 metros que se atopa en mal estado e non cumpre a función de barreira requirida. Os traballos inclúen a retirada de vexetación invasora da contorna e que está a desprazar as especies propias do ecosistema. Co obxectivo de profundar nunha maior concienciación do valor das dunas e a súa fraxilidade colocaranse novos carteis informativos. Os traballos inclúen unha limpeza do carreiro fluvial para mellorar a accesibilidade.

Os traballos prevese que estean concluídos nun prazo de dúas semanas.

0
0
0
s2sdefault