Concello de Sanxenxo - A FESTA DA RAIA TRASLADARASE A OUTONO CUN NOVO MODELO DE CITA GASTRONÓMICA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Cultura e Educación, Paz Lago, reuníronse esta mañá con hostaleiros de Portonovo

A Festa da Raia trasladarase a outono cun novo modelo de cita gastronómica onde o protagonismo téñano os locais de restauración de Portonovo. O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Cultura e Educación, Paz Lago, mantiveron un encontro esta mañá con hostaleiros da vila para proporlles o cambio de data e as novidades coas que se pretende impulsar e renovar a festa que cumprirá este ano a súa vixésimo quinta edición. Tanto goberno como hostaleiros consideran que entre finais de setembro e principios de outubro sería unha boa data para fixar a festa de forma definitiva.

Coa intención de alargar a tempada e renovar unha cita que tanto goberno como hostaleiros están convencidos de que necesita un impulso, a Festa da Raia trasladarase a principios de outono cando aínda en Portonovo e no resto da comarca hai un número importante de visitantes.

Outro dos cambios é ampliar a programación máis aló do fin de semana con actividades culturais, lúdicas e musicais durante toda a semana que contribúan ao ambiente festivo na vila. A novidade máis significativa será o protagonismo que terán a partir de agora os locais de restauración, claves na expansión da festa por Portonovo. A lonxa deixará de ser o epicentro da degustación. "Cremos que xa é un modelo esgotado e que hai que aproveitar o tirón e poñer en valor as potencialidades da hostalería portonovesa", explicou esta mañá o alcalde.

Este novo modelo permitiría ampliar a oferta gastronómica e suporía unha maior dinamización do sector. A cambio, o Concello colaborará cos locais que ofrezan un prezo atractivo por bebida e tapa de raia para garantir o beneficio habitual do bar ou restaurante co obxectivo de promocionar o produto emblemático de Portonovo.

Nas próximas semanas, a Concellería de Cultura irá perfilando en colaboración cos colectivos implicados na cita unha programación coa que se buscará o éxito da festa e un revulsivo para a actividade económica de Portonovo.

0
0
0
s2sdefault