Concello de Sanxenxo - A POLICÍA LOCAL DE SANXENXO PROFUNDA NA FORMACIÓN E PREVENCIÓN CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O inspector responsable do grupo de VioGén da Policía Local de Pontevedra, José Ángel Ruibal, impartiu onte un seminario nas dependencias municipais

O persoal da Policía Local de Sanxenxo asistiu onte a unha xornada de formación e prevención contra a violencia de xénero nas dependencias municipais. O inspector responsable do grupo de VioGén da Policía Local de Pontevedra, José Ángel Ruibal, que leva anos loitando contra esta secuela desde primeira liña, foi o encargado de despexar dúbidas e valorar casos prácticos expostos polos axentes asistentes á xornada. O seminario formativo tivo catro horas de duración nas que se falaron de protocolos de actuación en intervencións e profundouse na prevención e na protección da vítima.

Cabe lembrar que o Concello de Sanxenxo e a Subdelegación do Goberno de Pontevedra renovaron en xaneiro do ano pasado o protocolo de colaboración para a aplicación do programa de seguimento integral das vítimas de violencia de xénero, o coñecido como VioGén, en función do cal a Garda Civil e a Policía Local colaboran para a protección das vítimas.

A xornada formativa sobre violencia de xénero enmárcase dentro da formación periódica en distintas materias que realiza a Policía Local de Sanxenxo co obxectivo de actualizarse coas novas normativas e cambios lexislativos. As próximas charlas formativas abordarán os usos de vehículos de mobilidade persoal, o alcoholímetro e test de drogas, aplicación da reforma da lei da seguridade viaria...

Semana Santa
A Policía Local de Sanxenxo reforzará os controis durante Semana Santa. Ao persoal habitual incorporaranse o venres 4 novos auxiliares que colaborarán na vixilancia diúrna e nocturna para garantir o lecer seguro e o descanso de veciños e visitantes durante este período vacacional. Os reforzos darán comezo esta fin de semana e manteranse durante os catro días festivos onde se espera unha maior afluencia de visitantes. A maiores, a Policía Local deberá tamén encargarse os días 13,14, 15 e 16 da regulación do tráfico co paso das procesións.

0
0
0
s2sdefault