Concello de Sanxenxo - SANXENXO SUPERA AMPLAMENTE OS DATOS DA SEMANA SANTA DE 2019
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Hostalaría, hoteis, vivendas turísticas, segundas residencias, parking, auga e lixo arroxan datos moi positivos

Sanxenxo volveu a demostrar en Semana Santa o seu potencial turístico, mellorando incluso os datos de 2019, o mellor ano da actividade turística. A apertura dun 15% máis de aloxamentos turísticos que na Semana Santa de 2019, a intensa actividade da hostalaría que vimos estes días e a cifra de consumos superaron amplamente os datos dos anos anteriores á pandemia.

A demanda turística está a crecer e o sector cada vez ten máis confianza no tirón da marca Sanxenxo que está a demostrar ser un destino en continuo ascenso, capaz de sobre porse a calquera conxuntura como foron os peores momentos da pandemia e como agora é a inflación. Os datos de paro do últimos seis meses e o nivel de actividade turística da última semana avalan o progreso constante da principal actividade económica de Sanxenxo. O alcalde móstrase satisfeito "aínda que Sanxenxo capeou o covid mellor que outros destinos turísticos, a Semana Santa supuxo un gran revulsivo que anticipa unha tempada alta moi boa".

Entre o xoves santo e o domingo recolléronse en Sanxenxo 196.290 kg de residuos, o que supón un 15% máis que os mesmos días de 2019, cando se recolleron 179.720 kg de lixo. Supón unha recollida media de 49.072 kg por día unha cifra que só se alcanza nos meses de xullo e agosto.

O consumo da auga nos catro días principais da Semana Santa foi de 29.240 m3, o que supón un 15% máis que en 2019, cando se consumiron 25.504 m3. O parking do porto deportivo recadou en Semana Santa 24.238 € o que supón un 20% máis que en 2019, cando ingresou 20.198 €. Desde que o parking se abriu, en 2005, nunca superara os 21.000 € de recadación en Semana Santa.

0
0
0
s2sdefault