Concello de Sanxenxo - CONCELLO E PORTOS MELLORARÁN A FACHADA MARÍTIMA DE SANXENXO COA REMODELACIÓN DO PASEO DOS BARCOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os traballos comezaron onte coa retirada das táboas e da varanda. O custo da actuación roldará os 90.000 euros.

O Paseo dos Barcos lucirá este verán nova imaxe. Concello e Portos de Galicia mellorarán esta parte da fachada marítima municipal coa renovación dos 1.000 metros cadrados da pasarela de madeira. A actuación inclúe ademais a remodelación do mobiliario co obxectivo de embelecer este tramo e unificar a imaxe ao longo de toda a senda que comunica a Praza dos Barcos coa praia de Panadeira.

Os traballos suporán un investimento de 90.000 euros e contan cun prazo de execución de dous meses. A mellora incluirá a colocación de 30 novas xardineiras metálicas de dous metros de longo na que se plantarán especies aromáticas como a lavanda. As macetas se intercalarán entre os 35 bancos de granito actuais que se forrarán con listóns de madeira e colocaránselles respaldos para facelos máis confortables e cómodos.

O Paseo dos Barcos é unha zona moi transitada ao longo de todo o ano, xa que na zona atópanse numerosos locais de hostalaría, e de forma especial no verán debido á súa proximidade ao porto e á praia de Panadeira.

Trátase dunha nova actuación integradora entre a actividade da vila e a portuaria coa que se busca potenciar a humanización da contorna e a actividade económica. Cabe lembrar que o ano pasado, Portos puxo en valor a histórica rampla de varada que se sitúa na praia dos Barcos coa colocación dunha escalinata de pedra, a modo de bancada, que permite gozar da contorna. Unha actuación que obtivo unha gran aceptación.

0
0
0
s2sdefault