Concello de Sanxenxo - AS BIBLIOTECAS DE SANXENXO REPARTIRÁN PLANTAS ENTRE OS USUARIOS PARA CELEBRAR O DÍA DO LIBRO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Un total de 26.107 persoas pasaron polas bibliotecas municipais en 2021 e realizáronse 12.176 préstamos

"Un préstamo, unha planta" é a iniciativa promovida desde a Concellería de Cultura, dirixida por Paz Lago, para fomentar a lectura e celebrar o Día do Libro. Os usuarios das bibliotecas de Sanxenxo que esta semana realicen o préstamo dun exemplar serán obsequiados cunha planta.

Ao longo desta semana, realizaranse distintas actividades gratuítas para conmemorar o Día Internacional do Libro que se celebrará o sábado día 23. A Biblioteca de Vilalonga acollerá mañá, ás 17:30, o contacontos "Historias de Viaxes, Libros e Bibliotecas". Unha actividade pensada para nenos e nenas de Infantil e Primaria.

O venres 22, ás 18:00 horas, a biblioteca de Portonovo, acollerá a actuación musicalizada de Cris de Caldas e Xabi Castro, "A bibliotecaria estrafalaria". Unha actividade pensada para nenos e nenas a partir de 4 anos. É necesario inscribirse previamente no teléfono 986 691 149.

O vindeiro sábado, 23, entre as 11 e 13 horas, na Biblioteca de Sanxenxo terá lugar unha nova edición de contos de medo, "Que pesadelo de contos!!". Será necesario inscribirse previamente no teléfono 986 727 936.

Ademais, dentro do marco desta celebración, agasallarase cun libro ao mellor lector do 2021 en categoría adulto e infantil en cada biblioteca.

Durante 2021, polas tres bibliotecas municipais pasaron 26.107 persoas para facer uso dos servizos que ofrecen: Préstamo de libros, audiovisuais e revistas; computadores, sala wifi, consulta en sala, actividades de animación...
En total, durante o pasado ano realizáronse 12.176 préstamos. Os títulos máis solicitados en libros foron “La puerta” de Manuel Loureiro o “El bosque de los cuatro vientos” de Maria Oruña; en video, “Harry Potter”, “Zootrópolis” ou “Frozen” e en revistas, títulos como “Sport life”, “El mueble” o “Saber cocinar”.

Cabe lembrar que para poder facer uso do préstamo de materiais bibliográficos é necesario ser socio da Rede de Bibliotecas de Galicia. Facerse socio da biblioteca é totalmente gratuíto, só se necesita unha foto e o DNI.

As bibliotecas municipais de Sanxenxo contan xa con máis de 6.000 socios.

Conto Vilalonga1Cartel Dia del Libro 2022 Cris de Caldas

20220423 Sabados lectores

0
0
0
s2sdefault