Concello de Sanxenxo - UN TOTAL DE SEIS PROPOSTAS PRESENTÁRONSE AO CONCURSO DE IDEAS PARA A REMODELACIÓN DO PORTO DE PORTONOVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As ofertas que chegaron ao Concello de Sanxenxo proceden de Madrid, A Coruña e Ourense

O xurado do concurso de ideas convocado para a remodelación do porto de Portonovo deberá elixir entre seis propostas diferentes. O pasado luns 11 de abril pechouse o prazo de presentación de proxectos dentro do proceso impulsado conxuntamente entre o Concello de Sanxenxo e Portos de Galicia para reordenar os espazos da rada portonovesa. Nel tamén colaboran o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos e o Colexio de Arquitectos de Galicia.

O concurso recolle un orzamento total de 40.000 euros para os premios coa seguinte distribución: 25.000 euros no caso do primeiro, 10.000 euros para o segundo e 5.000 euros para o terceiro. Estas cantidades asumiranas Portos de Galicia e o Concello de Sanxenxo ao 50% como principais impulsores desta proposta.

Entre as directrices que deberán integrarse nas propostas técnicas que se presenten establécese como básico o mantemento das actividades portuarias: Pesca e as súas actividades complementarias como a lonxa, fábrica de xeo, departamentos para almacenaxe, nave de redes e superficies de traballo; pasaxe; náutico deportivo e os servizos complementarios: escola náutica, atracada para exhibición de embarcacións tradicionais e instalacións portuarias, foso para travel lift e costa-, superficie de varada, botadura e reparación de embarcacións e servizos portuarios.

Ademais, deben expor unha boa solución, segura e fluída, para o acceso rodado á zona portuaria, sen restricións de gálibos e coa posibilidade de convivencia con outros usos e futuras necesidades provocadas polo incremento da actividade. Tamén, a dotación de prazas de aparcadoiro tendo en conta a contorna marcadamente urbana.

Os parámetros para a puntuación das candidaturas primarán a calidade arquitectónica e enxeñeira, a viabilidade económica, o desenvolvemento construtivo da proposta, a sustentabilidade ambiental e a eficiencia enerxética, así como a redución da contaminación lumínica e a minimización dos custos de mantemento.

0
0
0
s2sdefault