Concello de Sanxenxo - TURISMO ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN DA XII EDICIÓN "SANXENXO, DEGUSTA TAPAS" PARA A HOSTALARÍA LOCAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O concurso levarase a cabo entre o 3 e o 19 de xuño con dous tipos de modalidades de tapas: Creativas e tradicionais

Sanxenxo prepárase para a duodécima edición do concurso "Sanxenxo, degusta tapas" na que a hostería local poderá seducir aos comensais con propostas creativas e tradicionais. Turismo de Sanxenxo xa abriu o prazo de inscrición que finalizará o xoves 12 de maio e a cita gastronómica levarase a cabo entre o 3 e 19 de xuño.

Cada establecemento poderá elaborar ata un máximo de dúas tapas e deberá especificar se é tradicional ou creativa. A cita converteuse nun escaparate perfecto para mostrar distintas técnicas de elaboración con produtos autóctonos e con presentacións orixinais. O prezo de cada tapa será de 2,50 euros sen consumición.

Co obxectivo de que se poidan coñecer as distintas propostas, as bases do concurso recomenda pór un horario de degustación o máis amplo posible cun mínimo de dúas horas no servizo do mediodía e outras dúas horas no da tarde/noite. Unha vez que se coñezan todos os establecementos participantes, Turismo de Sanxenxo elaborará un Degusta Mapa coa localización de todos os establecementos para facilitar ao público a listaxe de locais participantes.

Premios
Todos os establecementos hostaleiros adheridos a esta edición participarán nun concurso onde o público elixirá a mellor tapa creativa e a mellor tapa tradicional. Tan só aquelas persoas que degusten tapas en polo menos 5 locais poderán votar a mellor tapa e o que obteña mellor puntuación será o gañador que recibirá o diploma certificativo.

Entre os clientes realizaranse sorteos con distintos agasallos (estancias hoteis, visitas adegas, ceas...) que serán de maior valor canto maior sexa o consumo.

0
0
0
s2sdefault