Concello de Sanxenxo - SANXENXO ELABORA A PRIMEIRA ORDENANZA REGULADORA DA ACTIVIDADE DE FURANCHOS NO MUNICIPIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A concelleira de Urbanismo, Flavia Besada, manterá un encontro co sector nos próximos días

O Concello de Sanxenxo, a través do departamento de Urbanismo, está a elaborar a primeira ordenanza reguladora da actividade de furanchos no municipio co obxectivo de contar cun marco normativo propio que ordene a actividade.

O borrador municipal da ordenanza marca o comezo da tempada anual do funcionamento entre o 1 de decembro e o 30 de xuño, con posibilidade de incrementar o prazo un mes con data límite o 31 de xullo. En canto ao horario, establécese de 12 a 00:00 horas, dando a marxe de ampliar unha hora os venres, sábados e vésperas de festivos.

O local destinado á actividade deberá ter unha superficie mínima de 10 metros cadrados e como máximo 150 metros. Todo o viño que se forneza deberá ser excedente do consumo propio, procedente exclusivamente dos seus viñedos e non pode ser embotellado, deberá proceder directamente dos barrís.

A administración local, unha vez entre en funcionamento a ordenanza, creará un "Rexistro Municipal de Furanchos de Sanxenxo" para a inscrición de oficio de todos os furanchos que cumpran os requisitos esixidos e desenvolver a súa actividade dentro do termo municipal. O Concello repartirá entre os furanchos inscritos un distintivo propio municipal que se irá renovando cada ano e onde figurará o nome do furancho, o nome e apelido do titular e o período de apertura.

A proposta inicial recolle que os furanchos de Sanxenxo poidan servir pementos variedade Padrón, táboa de embutidos ou queixos, zorza ou lomo, tortilla de patacas e empanadas ou empanadillas. Cada municipio debe elixir 5 das once tapas recollidas no decreto autonómico da Xunta de Galicia.

O borrador da ordenanza será abordado co sector nos próximos días para que poida realizar as súas achegas.

0
0
0
s2sdefault