Concello de Sanxenxo - SANXENXO SERÁ A SEDE DE CATRO PROBAS DEPORTIVAS DE CARÁCTER NACIONAL E INTERNACIONAL NO MES DE XUÑO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Ata catro probas deportivas de carácter nacional e internacional daranse cita en Sanxenxo o próximo mes de xuño que mostrará o seu potencial como anfitrión deste tipo de eventos. O municipio dará o pistoletazo de saída a este calendario deportivo con In Common Sports, coñecido popularmente como Olimpíadas para Maiores os días 1, 2 e 3 de xuño. Trátase dun proxecto europeo impulsado desde a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo que ten como obxectivo motivar ás persoas maiores cara á práctica deportiva e a actividade física. Unha cita na que haberá participantes chegados de Portugal, Italia, Hungría, Bulgaria, España e Eslovenia.

O Real Club Náutico de Sanxenxo volverá ser o epicentro mundial de vela co Xacobeo 6mR Worlds desde o 10 ao 18 de xuño. Unha cita que reunirá a unha multitudinaria frota que converterá de novo a Sanxenxo na capital internacional da vela, entre os participantes, embarcacións con bandeiras de Canadá, Estados Unidos, Finlandia e Alemaña.

As Series Mundiais de loita praia disputarán o 18 e 19 de xuño en Silgar o segundo dos catro torneos dos que consta a competición promovida pola Federación Internacional de Loita e a Federación Galega de Loita. Sanxenxo será a única sede española onde se dispute unha das probas do campionato. Estas series comezarán no mes de maio en Ucraína, en concreto en Odesa, Francia en xullo (Saint Laurent du Var) e Grecia en xullo (Katerini). No torneo está prevista a participación de preto de 200 deportistas de países como Croacia, Francia, Italia e España, aos que hai que sumar técnicos, árbitros, adestradores e acompañantes. A organización prevé un movemento de aproximadamente unhas 400 persoas.

O calendario deportivo de Sanxenxo sumará este ano o Campionato de España de Balonmán Praia que se celebrará os días 24, 25 e 26 de xuño na praia de Silgar. A organización prevé máis de 1.600 participantes procedentes desde distintos puntos de España. Deste xeito, o municipio que xa se converteu o pasado verán no cuartel xeral da selección española de balonmán para a súa preparación para os Xogos Olímpicos de Tokio 2020, continúa forxando lazos con esta disciplina deportiva. Coincidindo en datas, o municipio acollerá a segunda edición do Rally de Pontevedra, unha proba a nivel provincial que xa tivo o ano pasado como sede Sanxenxo e que repetirá tras o éxito cultivado.

0
0
0
s2sdefault