Concello de Sanxenxo - O XURADO DO CONCURSO PARA A REMODELACIÓN DO PORTO DE PORTONOVO REÚNESE E ADMITE AS SEIS OFERTAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Manterán un novo encontro para valorar as propostas o próximo 6 de xuño en Sanxenxo

O salón de plenos do Concello de Sanxenxo acolleu onte a primeira reunión do xurado do concurso convocado para a remodelación do porto de Portonovo e a súa contorna.

O tribunal que decidirá a mellor proposta está formado por Susana Lenguas, presidenta de Portos de Galicia que actúa como presidenta do xurado, e seis vocais, Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo; Rafael Vázquez, arquitecto municipal; Roi Fernández, enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos e director de Portos; Francisco Alonso, enxeñeiro de Camiños, canles e portos designado polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos; Jose González-Cebrián, arquitecto designado polo Colexio de Arquitectos de Galicia e Encarnación Rivas, representante da Xunta de Galicia en materia de Urbanismo. O xefe de departamento da Secretaría Xeral e Asesoría Xurídica de Portos de Galicia, Manuel Bautís Cheda, exerce a función no xurado de xefe do departamento de Secretaría Xeral de Asesoría Xurídica de Portos de Galicia.

Tras unha reunión de aproximadamente hora e media, constituíuse o xurado formalmente e, tras a comprobación pertinente e non detectar incompatibilidades, admitíronse as seis ofertas que se presentaron baixo os lemas "Novo Porto de Portonovo", "Tales", "Portonovo ao mar", "Duna 2022", "A raia" e "Porto+cidade". De acordo co servizo de contratación municipal, procedeuse a abrir a documentación que recollen as propostas técnicas e acordouse un novo encontro do xurado o próximo 6 de xuño para a súa valoración. Os membros do xurado desprazáronse tras a reunión ao espazo portuario de Portonovo para ver "in situ" a zona de actuación.

Este concurso de ideas prevé a entrega de tres premios, que terán unha contía de 25.000 euros para os gañadores, dez mil para os segundos e cinco mil para os terceiros. Estas contías asumiranas o Concello de Sanxenxo e Portos a partes iguais.

Pola súa banda, o xurado poderá acordar mencións especiais, aínda que sen asignación económica e, no caso de que non lle convencese ningunha das propostas, declarar deserto o certame. A proposta que escolla o xurado será vinculante para o Concello. Á hora de avaliar, o xurado terá en conta os valores técnicos, funcionais, arquitectónicos, culturais e medio ambientais. O xurado valorará a calidade arquitectónica e ingenieril, e a súa adecuación aos obxectivos da reforma prevista, a súa viabilidade económica, a súa sustentabilidade e a minimización de custos de mantemento.

0
0
0
s2sdefault