Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ASINA UN CONVENIO PILOTO CON SANIDADE PARA INCENTIVAR A CONTRATACIÓN DE MÉDICOS EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A administración local porá a disposición do facultativos catro vivendas durante o período do 1 de xuño ao 30 de setembro

Incentivar a contratación do maior número posible de médicos de familia durante o período estival en Sanxenxo. Ese é o principal obxectivo que se persegue co convenio piloto asinado esta mañá entre o alcalde, Telmo Martín, e o xerente do Sergas, José Flores, no salón de plenos do consistorio municipal. Á rúbrica tamén asistiu o xerente da área Sanitaria Pontevedra e O Salnés, Jose Ramón Gómez.

O Concello porá a disposición ata un total de 4 vivendas situadas no municipio para os médicos de familia de fóra de Galicia que queiran vir traballar aos centros de saúde de Sanxenxo durante o 1 de xuño e o 30 de setembro. Un período no que o municipio multiplica nalgúns casos por ata cinco a súa poboación e require un importante reforzo asistencial. De cubrirse esta oferta, suporía unha mellora asistencial cun maior número de facultativos nos servizos sanitarios do municipio.

O alcalde, Telmo Martín, destacou esta mañá "o labor dos médicos que se xa era antes recoñecida, agora tras a pandemia o é moito máis". Así, conscientes dos problemas que existen pola falta de médicos de familia en todo o territorio español, Martín indicou que "levamos meses falando con Sanidade para impulsar a contratación de médicos durante un período de sobreesforzo asistencial como é o verán. O Concello farase cargo do aluguer durante estes meses". Para iso, realizouse unha retención de gasto de ata 32.000 euros por se fose necesario para os arrendamentos de 4 facultativos.

O xerente do Sergas, Jose Flores, destacou a iniciativa e subliñou que se trata dun programa piloto que, no caso de obter os resultados esperados, podería ser estendido a outras entidades locais que presenten as mesmas necesidades conxunturais ao longo da xeografía galega. "Todos coñecemeos o déficit de médicos en atención primaria e o que se busca é atraer profesionais médicos de fóra de Galicia", explicou. Así mesmo, agradeceu "o grandísimo esforzo que fan xa os nosos traballadores de atención primaria nas sete áreas sanitarias, facendo verdadeiros quebracabezas para conseguir dar asistencia nos centros de sáude e nos PAC".

Pola súa banda, o xerente da área sanitaria Pontevedra e O Salnés, agradeceu "a disposición do alcalde de Sanxenxo pola colaboración que sempre demostra para a mellora do funcionamento da sanidade".

Para a coordinación e seguimento do convenio, crearase unha comisión de seguimento composta por dúas persoas representantes da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés e dúas persoas representantes do Concello de Sanxenxo.

0
0
0
s2sdefault